Sanidade exclúe varias opinións especializadas no debate sobre a Atención Primaria

Un home accede ao ambulatorio de Guitiriz. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os Colexios Profesionais de Enfermaría da Galiza, así como agrupacións sanitarias, suman forzas para protestar contra a actitude da Xunta. Aseguran sentir gran "malestar" porque non se lles dera voz para analizar o estado deste servizo esencial da sanidade galega e da súa reestruturación.

Os Colexios Profesionais de Enfermaría da Galiza, así como agrupacións de médicas de familia, matronas e pediatras suman forzas para protestar contra a actitude da Xunta. Aseguran sentir gran "malestar" porque non se lles dera voz para analizar o estado deste servizo esencial da sanidade e da súa reestruturación.

Os Colexios Oficiais de Enfermaría da Galiza, a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec), a Asociación Galega de Matronas (AGAM) e a Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica (AgaEP) advirten do “malestar” que teñen coa Consellaría de Sanidade por non contar coa súa opinión para o actual debate sobre o modelo de Atención Primaria.

As agrupacións séntense “excluídas” e din non entender por que a Xunta non as ten en conta “para fornecer ideas sobre o futuro” deste servizo fundamental.

De feito aseguran que, polo coñecemento que tiveron do contido do encontro de traballo entre Sanidade e os colexios de médicos, estiveron sobre a mesa temas “que afectan directamente ao traballo das e dos enfermeiros e matróns sen contar coa súa opinión”.

Aseguran que no debate comentaron algunhas das novidades en termos administrativos nas que traballan o Goberno galego, como pode ser o “filtro” que vai clasificar aos pacientes nos ambulatorios.

Con esa ferramenta, parte das e dos doentes pasarían a ser atendidos directamente polos profesionais da enfermaría, polo que as e os médicos terían poder sobre as axendas dos primeiros.

Sen contar o número de profesionais?

“É chamativo que se fale de implantar un filtro para clasificar aos pacientes da Atención Primaria sen considerar antes se o Sergas conta cun ratio de enfermeira especialista por habitante axeitado para asumilo”, destacan. Ademais, queren saber como funcionaría na práctica a medida e quen a vai asumir.

Ao fío desta xuntanza, que era para analizar todo o sistema sanitario pero especialmente a realidade da Atención Primaria, non é a primeira protesta que chega contra o departamento que dirixe Julio García Comesaña.

Agora, os sete colectivos que veñen de sumarse para ter máis forza reclaman un encontro co conselleiro para que explique a razón do “desplante”. Inciden en que a Xunta non pode seguir tratándoos como “profesionais de segunda, que non teñen a posibilidade de participar na xestión e organización estrutural dos distintos puntos de atención ao paciente”.

Un "eixo vertebrador" segundo a mirada

Mentres distintos sectores da sanidade pública galega levan días amosando o seu sentimento de ruptura coa Xunta, o presidente da mesma, Alberto Núñez Feixoo, presentaba hoxe o Servizo Galego de Saúde (Sergas) como "o eixo vertebrador" da candidatura galega á iniciativa Nueva Bauhaus España.

Ao tempo que daba a coñecer un vídeo sobre o proxecto, aludía ao sistema sanitario do país como unha ferramenta centrada no traballo de cara á "humanización do servizo". Tamén falaba de espazos "máis amábeis e sostíbeis".