Sanidade bota o freo á desescalada ante o "lixeiro incremento" de casos

Vigo seguirá no nivel medio (Foto: Europa Press).
As persoas expertas farán un "especial seguimento" da área de Vigo e da propia cidade, que preocupa polo "crecemento constante" de casos da Covid-19. Aliás, advirten do incremento de contaxios secuenciados das cepas brasileira e surafricana mentres se consolida a británica, cunha incidencia de 93% no país.

"Estabilidade". Esa foi a palabra máis repetida na rolda de prensa desta cuarta feira posterior á xuntanza que mantivo o Comité Clínico na terza. As persoas expertas optaron por deter o progresivo alivio das restricións debido á tendencia á alza da Covid-19 nas últimas datas: "Galiza segue nunha situación estábel de meseta, cun lixeiro incremento dos positivos", sostivo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Malia reducírense a comezos desta semana, os novos contaxios repuntaron na cuarta feira a 196 (69 máis que os rexistrados na terza feira), dos cales 174 foron diagnosticados a través de probas PCR, polo que a taxa de positividade tamén se incrementou até 2,6% (máis dun punto superior á cifra da xornada anterior, mais por baixo do limiar de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde). Aliás, o número de casos activos volve ascender até situarse nos 3.048 (+26).

No tocante á ocupación hospitalaria, caeu en todas as áreas sanitarias excepto nas da Coruña-Cee e Compostela-O Barbanza, onde non houbo novidades. Así, segundo os datos máis recentes ofrecidos pola Consellaría, no conxunto da Galiza hai 163 persoas ingresadas en hospitalización convencional (-11) e 44 nas Unidades de Coidados Intensivos (-2).

Por outra banda, o número de pasamentos subiu a 2.385 desde o inicio da pandemia, após notificarse unha nova vítima mortal.

Cambios de nivel

A nivel xeral, a incidencia acumulada aumentou tanto a sete como a 14 días en comparanza cos datos da semana pasada, vertendo unhas cifras de 49 e 98 casos por cada 100.000 habitantes respectivamente.

O comité está a realizar, como xa anunciara na rolda de prensa precedente, un especial seguimento da área sanitaria de Vigo, que ten a maior incidencia acumulada a sete días (79). Máis concretamente, neste territorio preocupan a propia cidade olívica (tamén coa maior incidencia a unha semana vista, 87) e a súa comarca, en especial por mor do aumento de casos no Porriño e en Salceda. "Queremos pór o foco en toda a comarca, que rexistra un incremento de casos que non é exponencial mais si constante", expuxo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Tamén se vixían con detemento o concello de Marín (cun dato a sete días de 235) e a comarca do Barbanza no seu conxunto, malia que, dixo Durán, na última semana houbo unha "melloría franca".

En consecuencia, o Comité acordou, como xa adiantara na terza feira, levantar o fechamento perimetral na Pobra do Caramiñal e O Grove, ficando no nivel máximo de restricións os municipios de Carballeda de Valdeorras, Cualedro e Vilanova de Arousa.

No nivel alto, por outra banda, situaranse a partir das 00 horas desta sexta feira os concellos de Cambre, Coristanco, O Grove, Marín, Meaño, Meira, Meis, A Merca, Muíños, Petín, A Pobra do Caramiñal, Ponteareas, Ribadumia, Ribeira, Salceda de Caselas e Verea.

Aliás, no nivel medio ficarán Ares, O Barco de Valdeorras, Barreiros, Betanzos, Cambados, Cangas, Carballo, Carnota, Carral, Cartelle, Chantada, Gondomar, A Laracha, Lobeira, Lobios, Mesía, Nigrán, O Porriño, Poio, Rianxo, Sanxenxo, Trabada, Tui, Verín, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Xinzo de Limia.

O resto da Galiza seguirá no nivel baixo de alerta sanitaria.

Intensifícase o rastrexo

Noutra orde, ante a tendencia á alza das variantes do virus británica (240 casos secuenciados e 93% de incidencia na Galiza), surafricana (27 casos) e brasileira (23 casos da P1 e outro da P2), Sanidade decidiu aumentar o período de rastrexo de contactos estreitos dun positivo de dous a sete días, isto é, que se buscará a todas as persoas coas que tivese participado en reunións sociais na semana anterior a se rexistrar o contaxio.

Preguntado sobre se a Xunta contratará máis rastrexadores para tal fin, o conselleiro eludiu dar cifras concretas e asegurou que en xaneiro, canda a terceira vaga, ampliáranse os recursos humanos. "E esas persoas seguen traballando", dixo.

Incerteza tras o 9 de maio

García Comesaña tamén lamentou a "incerteza" coa que o Goberno galego afronta o decaemento do estado de alarma o vindeiro 9 de maio: "Preguntamos ao Ministerio sobre as alternativas e non obtivemos resposta", concluíu.