A Xunta levanta o fechamento perimetral no Grove e A Pobra do Caramiñal

Vista dunhas terrazas en Vigo após a entrada en vigor das últimas restricións. (Foto: Europa Press)
Anunciou esta decisión, que implica o mantemento no nivel máximo de prohibicións Vilanova de Arousa, Cualedro e Carballeda de Valdeorras, após unha nova reunión coas integrantes do comité clínico que asesora sobre a evolución da pandemia na Galiza. No nivel alto de limitacións fican 16 municipios e outros 27 están no risco medio.

A Consellaría de Sanidade vén de anunciar que os concellos de A Pobra do Caramiñal e O Grove pasan ao nivel alto de restricións, despois de varias semanas coa mobilidade restrinxida, como consecuencia do control na expansión das persoas infectadas polo coronavirus. Pola contra, a hostalaría e as fronteiras seguirán fechadas en Cualedro, Vilanova de Arousa e Carballeda de Valdeorras.

As e os expertos optaron por deixar no nivel alto aos dous que baixan un chanzo: O Grove e A Pobra. Estes súmanse aos de Petín, Muíños, Verea, A Merca, Meira, Ribadumia, Marín, Meaño, Meis, Ponteareas, Salceda de Caselas, Ribeira, Cambre e Coristanco.

As novidades con respecto á pasada sexta feira están nas incorporacións a este rango de Verea, A Merca, Salceda e Coristanco. Pola contra, baixaron a nivel medio Lobeira e O Barco.

Neste último caso, coas limitacións propias desta situación -entre as que está o feito de que as terrazas dos bares só poidan estar ao 50% e no interior a ocupación máxima sexa do 30%-, están tamén Verín, Cartelle, Xinzo de Limia, Trabada, Barreiros, Chantada, Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Poio, Cangas, Gondomar, Vigo, O Porriño, Nigrán, Tui, Rianxo, Mesía, Carnota, Carral, A Laracha, Betanzos, Carballo e Ares. E tamén hai variacións con respecto ao último encontro de traballo.

No resto dos concellos do país permanecerán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. Estas novidades déronse a coñecer hoxe, após a finalización dunha nova reunión de representantes da Xunta co comité clínico que asesora sobre a evolución da pandemia na Galiza.

Agárdase que mañá transcendan novos datos sobre o que se falou na mesa de expertos, cuxas decisións entrarán en vigor ás 00 horas desta sexta feira.

Esta segunda feira o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xa apostaba “na prudencia” á hora de asumir a desescalada nas localidades con restricións máis fortes que na media do país.

Na mesma liña falaban o propio Alberto Núñez Feixoo e expertos como o médico e membro do comité Xosé Luís Muíño, que destacaba que "vale a pena facer o último esforzo" nun momento no que hai unha inestabilidade nos contaxios.

“Efectivamente, estamos nunha situación de meseta, outros lle chamamos de val -unha terceira onda que subiu moi rápido e baixou-, cun discreto incremento, moi discreto, e por tanto, estamos a ver o fin do túnel, a luz”, engadía o doutor.

Após varias semanas co fechamento perimetral, quer o rexedor da Pobra do Caramiñal. Xosé Lois Piñeiro, quer o alcalde do Grove, José Cacabelos, apostaban onte en que o encontro do comité clínico serviría para levantar tanto a restrición de mobilidade como as medidas máis duras para a hostalaría, por ter que estar sen actividade.

No anterior encontro

Cabe recordar que a pasada sexta feira o subcomité estabelecía o nivel máximo de prohibicións tanto na Pobra como no Grove, ademais de en Cualedro e Carballeda de Valdeorras. Aliás, incluía entre os municipios máis afectados pola Covid-19, nos que eran precisas medidas especiais, Vilanova de Arousa.

No nivel alto ficaron antes da fin semana Lobeira, Muíños, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Petín, Meira, Cambre, Ponteareas, Ribadumia, Marín, Meis e Meaño.

No nivel medio, na liña das decisións da pasada terza feira, estaban Vigo, Vilagarcía e outros lugares como A Illa de Arousa, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, Trabada, Barreiros, Carral, Catoira, Rianxo, Boiro, Verín, Chantada, Padrenda, Cortegada, Lobios e Cartelle.