Amplíase de 2 a 7 días o período para considerar unha persoa 'contacto' dun caso positivo

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, xunto a José Flores, xerente do Sergas, e Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública [Foto: Xunta da Galiza].

Incluirá no rastrexo as persoas participantes en reunións con afluencia aínda que levasen posta a máscara.

Galiza ampliará desde os dous aos sete días o rastrexo de contactos cando se detecte un caso positivo de coronavirus e incluirá como tal as persoas participantes en reunións con afluencia aínda que levasen posta a máscara.

Segundo anunciou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, após a reunión semanal do comité clínico, os expertos e expertas decidiron ampliar o período para considerar unha persoa 'contacto' dun caso positivo. Actualmente, o rastrexo faise remontándose aos que tiveron contacto con el nos dous días anteriores á proba positiva ou o inicio dos síntomas. Con todo, de forma piloto para coñecer a súa eficacia, as autoridades galegas remontaranse agora ata sete días, co obxectivo de aumentar as posibilidades de detectar precozmente casos.

Do mesmo modo, terase en conta a participación dos afectados en encontros masivos ou reunións familiares, a quen se poderá considerar contactos estreitos aínda que levasen posta a máscara.

Carmen Durán sinala que a situación na Galiza é de "estabilidade con certa tendencia crecente". A incidencia acumulada a sete días móvese entre os 47 e os 50 casos por cen mil habitantes e a 14 días é de entre 95 e 99 casos por cen mil. Por baixo da media no Estado español. A área sanitaria de Vigo é a que máis preocupa, con 79 casos por cen mil habitantes a 7 días, moi por riba da media galega. 

A semana pasada realizáronse máis de 33.000 probas en  cribados, con 56 positivos. Durán anuncia que entre o 26 de abril e o vindeiro 3 de maio están programadas 52.700 citas para participar en cribados.

Vacinas

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, informou na comparecencia que Galiza xa superou o millón de doses administradas. 742.000 persoas teñen polo menos unha dose e 272.774 a pauta completa. O 99 % dos maiores de 80 están vacinados e máis do 75 % coa pauta completa. O 87 % dos grupos esenciais xa teñen a súa doses, fundamentalmente AstraZeneca e o 70 % dos pacientes de risco están vacinados.

A Consellaría de Sanidade anunciou na noite desta terza feira que os concellos de A Pobra do Caramiñal e O Grove pasan ao nivel alto de restricións, despois de varias semanas coa mobilidade restrinxida, como consecuencia do control na expansión das persoas infectadas polo coronavirus. Pola contra, a hostalaría e as fronteiras seguirán fechadas en Cualedro, Vilanova de Arousa e Carballeda de Valdeorras.