Sanidade artellará comisións específicas de prevención do suicidio en cada área

Acción do Movemento Galego da Saúde Mental polo Día Internacional da Prevención do Suicidio (Imaxe: MGSM).
A orde que as regula apróbase tres anos despois da aprobación do Plan de prevención do suicidio da Galiza. Os comités estarán formados por profesionais da psiquiatría, psicoloxía, medicina familiar ou traballo social e reuniranse unha vez ao mes como mínimo.

A taxa de suicidios da Galiza supera a media do Estado español. En números absolutos, con aproximadamente 6% da poboación estatal, o país achega 9,5% das mortes por esta causa. Por este motivo profesionais da  sanidade e colectivos civís veñen demandando maiores esforzos no eido da detección e tratamento do suicidio. Tres anos despois da aprobación dun plan de prevención do suicidio, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou onte a orde pola que se crean nas áreas sanitarias as comisións multidisciplinares que se encargarán de coordinar labores neste eido.

Entre os cometidos das comisións figuran a elaboración de protocolos de detección, abordaxe e derivación de persoas con conduta suicida ou a identificación de localizacións que concentren un risco especial destas condutas. A maiores, encargaranse de coordinar as actividades de formación dirixidas ás profesionais da saúde e de sensibilización de cara á cidadanía.

Estes organismos estarán compostos por profesionais de distintos eidos relacionados co traballo de detección, prevención e tratamento da saúde mental. Desde os propios servizos de Psiquiatría ou das Urxencias, pasando polo persoal dos centros de saúde, traballadoras sociais ou enfermeiras con formación en saúde mental. Para desenvolver as súas tarefas as integrantes, un total de dez profesionais, reuniranse unha vez por semestre en sesión ordinaria como mínimo.

A planificación da saúde mental

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) asegura que a principal eiva do Plan de prevención do suicidio da Galiza segue sen resolverse: "Non hai orzamento asignado nin cronograma específico para realizar todas as actuacións previstas", din. Para as profesionais do eido da saúde mental, ligado estritamente ao suicidio, as dificultades nos avances do plan e da atención á poboación pasan pola insuficiencia de profesionais integradas na Atención Hospitalaria e a súa ausencia na Atención Primaria: a proporción actual é de 3,47 traballadoras e traballadores por cada 100.000 habitantes

"Pretenden estabelecer unha vía rápida de atención, de tal modo que a persoa poida ser atendida nun prazo breve de tempo nas Unidades de Saúde Mental, pero isto choca coa realidade da sobrecarga asistencial ou coas listas de espera", din desde o MGSM. A Atención Primaria é a porta de entrada das persoas con doenzas mentais. Porén, as profesionais que as atenden só se atopan na rede hospitalaria. Na poboación infantil a prevalencia estimada  de trastornos mentais a partir dunha mostra galega de pacientes dos centros de saúde acada 11,5%, pero as psicólogas non foron convidadas ás mesas de traballo para a remodelación da Atención Primaria.

Actualmente, o Sergas traballa na redacción do Plan estratéxico de saúde mental da Galiza 2020-2023. O MGSM compartiu o sexto borrador desta folla de ruta na pasada semana. Moitas das eivas sinaladas están recollidas no documento que, por outra banda, non desenvolve expresamente o plan de prevención do suicidio. Entre as principais carencias destácanse o déficit de profesionais, e a falta de recursos e a necesidade de mellorar a atención a idades temperás.