O Sergas ten un déficit de 40% na dotación de persoal que atende á saúde mental

Unha acción do MGSM

 Todas as profesións están infradotadas, con 27% en traballo social, 33% en terapia ocupacional, 49% en enfermaría e celadores, 54% en psicoloxía clínica, 68% en psiquiatría, ata o 85% en técnicas en coidados auxiliares de enfermería. Son as conclusións dun informe do Movemento Galego da Saúde Mental.

No Servizo Galego de Saúde faltan 38 % das profesionais que sería recomendábel, segundo os propios criterios da Xunta. Así se extrae do documento que elaborou o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM), "Recursos en Saúde Mental en Galicia" e que avalía o estado da rede pública asistencial no ámbito da saúde mental.

 

No informe conclúen que se ben o estado da saúde mental da poboación residente en Galiza foi “a peor sensiblemente na última década”, a calidade asistencial non se viu incrementada, como recomendaron institucións internacionais de referencia como a propia Organización Mundial da Saúde, se non todo o contrario.

 

O MGSM emprega como referencia a dotación recomendada pola Comisión Asesora en materia de Saúde Mental que creou a Consellería de Sanidade e que publicara nun informe de 1997, en comparación cos actuais recursos cos que conta o Sergas. Así, conclúe, todas as profesións están infradotadas, con 27% en traballo social, 33% en terapia ocupacional, 49% en enfermaría e celadores, 54% en psicoloxía clínica, 68% en psiquiatría, até 85% en técnica en coidados auxiliares de enfermería.

 

Esta infradotación tamén é desigual por áreas sanitarias: así atopamos que a EOXI da Coruña, que se atopa a 41% do persoal recomendado, seguido de Pontevedra, cun 52,5%; Ourense, cun 62,4%; Vigo, cun 65%; Ferrol, cun 65,6%; Lugo, cun 65,7%; mentres que Santiago de Compostela presenta un cadro ao 70,8% do recomendado.

 

Aliás, indica o MGSM, se comparamos a lista de espera de pacientes para a súa primeira cita nos servizos de psiquiatría, practicamente duplicouse: pasouse de 4.623 persoas en xuño de 2008 a 8.094 en xuño de 2018.

 

Ao contrario das tendencias do conxunto do Estado, na Galiza tamén se produciu un aumento dos trastornos psíquicos e psicolóxicos na poboación infantil e xuvenil. Entre os menores de 14 anos, incrementáronse 66% os problemas de tipo ansioso ou depresivo e 17% os trastornos de conduta. En cambio, só existe unha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica Infantoxuvenil, situada en Compostela e con 7 camas.

.