Colectivos de psicólogas denuncian graves eivas no Plan de Saúde Mental

O Movemento Galego pola Saúde Mental na manifestación en defensa da sanidade pública de febreiro en Compostela (Imaxe: MGSM)
Un comunicado da Asociación Estatal de Psicólogos Clínicos e Residentes (ANPIR) denuncia a falta de profesionais de psicoloxía clínica nos hospitais galegos, cunha proporción de 3,47 por cada 100.000 habitantes e listas de agarda para a primeira cita que oscilan entre os 6 e os 9 meses. Ao tempo, o Colexio Profesional de Psicoloxía da Galiza destaca a necesidade de incluír ás psicólogas na Atención Primaria

A Asociación Estatal de Psicólogos Clínicos e Residentes (ANPIR), á que están adheridos colectivos galegos, denunciou a pasada segunda feira a precaria situación da atención á saúde mental no Servizo Galego de Saúde (Sergas). O comunicado que emitiron vén motivado polas verbas do director de Asistencia Sanitaria do Sergas durante a presentación do Plan de Saúde Mental para o ano 2020 no mes de novembro.

Nunha Comisión parlamentar Jorge Aboal reivindicou o diagnóstico clínico "como acto médico", sinala o documento, "obviando a convivencia que se produce nos dispositivos de Saúde Mental entre as especialidades de Psiquiatría e Psicoloxía Clínica". "Fáisenos doutra época", reza o comunicado, "ter que comunicar aquí a competencia cotiá dos especialistas en Psicoloxía Clínica para a avaliación, diagnóstico e tratamento dos trastornos mentais". O comunicado vai máis alá e sinala grandes eivas na planificación do Sergas no campo da saúde mental.

Falta de profesionais

O comunicado denuncia que o Sergas "elude sistematicamente o seu compromiso arredor da incorporación progresiva de especialistas en Psicoloxía Clínica". Na Galiza a proporción actual de profesionais é de 3,47 por cada 100.000 habitantes, o que "vulnera o dereito das usuarias a acceder a tratamentos psicolóxicos recollidos na carteira de servizo do Sergas".

Víctor Torrado, vogal da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza (COPG) informa de que a situación da psicoloxía na atención hospitalaria “é preocupante”. “Os cadros de persoal levan conxelados anos, con listas de agarda de entre 6 e 9 meses para a primeira cita”, denuncia. Os dilatados tempos de espera provocan, paralelamente, altos niveis de absentismo en consulta.

“A terapia precisa dunha duración e dunha frecuencia determinada, mais non se respectan. No caso de que a un paciente se lle receite un antibiótico espérase que o tome nas doses e na frecuencia adecuadas, mais no eido da saúde mental isto pásase por alto”, destaca Torrado. O vogal do COPG destaca o elevado consumo de psicofármacos do noso país, especialmente alto nos casos de doenzas crónicas, como as depresións, precisamente cando os manuais clínicos receitan menos pastillas e máis terapia. “As propias pacientes demandan máis continuidade”, lamenta Torrado.

 O documento tamén destaca a gravidade da falta de profesionais nun contexto de "galopante desigualdade social", cunhas "alarmantes taxas de suicidio e drogodependencias" así como "unha prescrición de psicofármacos moi por enriba do que os estudos epidemiolóxicos considerarían razoábel". Así mesmo, denuncia unha situación agravada no servizo de Atención Primaria (AP), onde as dificultades de acceso a tratamentos son maiores, que impide o desenvolvemento "dun proxecto solvente" de saúde mental para a cidadanía galega.

Sen psicólogas na Atención Primaria

No Estado español Asturies, Catalunya e Madrid foron os primeiros territorios en incorporar as psicólogas na Atención Primaria. Ao tampo, na Galiza só os hospitais ofrecen servizos de atención á saúde mental. “Cando a presenza de psicólogas clínicas na Atención Primaria é unha imperiosa necesidade, pois é o eido no que antes se detectan as necesidades dun tratamento ou dunha terapia”, puntualiza Víctor Torrado.

Con todo, as psicólogas ficaron á marxe nos grupos de traballo que están a desenvolver a remodelación da Atención Primaria na Galiza. “Este sería o momento idóneo para abordar a necesidade da psicoloxía neste eido”, lamenta Torrado.