Saúde mental

A pandemia exixe reforzar a psicoloxía especializada e de Atención Primaria

A OMS advirte da necesidade de investir en saúde mental para frear o impacto da crise actual.
As consecuencias do illamento físico, o medo a contaxiarse, a perda de seres queridos pola COVID-19 e a incerteza ante o futuro económico, laboral ou educativo son algunhas das causas da crise de saúde mental que a poboación comeza a manifestar. Un malestar que pode derivar en patoloxía e que cómpre atallar.

No contexto actual de crise sanitaria xerada pola propagación do novo coronavirus, a emerxencia inmediata centrouse en frear o número de contaxios e asegurar a capacidade do sistema sanitario para dar resposta ás necesidades das doentes de COVID-19. Evitar o colapso e salvar vidas.

Neste sentido, unha das medidas urxentes acordadas polas autoridades sanitarias foi o confinamento da poboación, que agora comeza a relaxarse. Despois de dous meses de distancia e illamento social, en que condicións estamos saíndo deste período ateigado de coidados, renuncias, teletraballo, educación a distancia, perda de emprego ou mingua salarial?

Antes de se confirmar o primeiro caso positivo por coronavirus na Galiza, a revista The Lancet xa publicara unha revisión das evidencias sobre o impacto psicolóxico das corentenas en diferentes países do mundo derivadas da síndrome respiratoria aguda grave (SARS) ou do ébola; un traballo realizado por un equipo do Kings College, de Londres.

Os resultados apuntan secuelas importantes entre os colectivos estudados, visíbeis mesmo tres anos despois da experiencia. Ira, confusión, ansiedade, estrés, depresión, medo e insomnio son algunhas das consecuencias máis comúns; potenciadas pola duración do confinamento, a falta de información, o temor á infección, a falta de provisións, a perda financeira e o estigma.

Desde o punto de vista sociodemográfico, a revisión difundida pola revista científica non ofrece grandes conclusións. Só un estudo sinala efectos máis negativos entre a xente moza, as persoas con estudos máis baixos e as mulleres con fillos. Mais destaca dous colectivos: as persoas con enfermidades psiquiátricas previas, as máis afectadas pola corentena, e o persoal sanitario, especialmente vulnerábel a esta medida de illamento.

Malestar emocional

Na Galiza, especialistas en psiquiatría confirman que o que están vendo é unha sintomatoloxía entre a poboación xeral "que non chega ao rango de patoloxía". Segundo Iria Veiga, psiquiatra do Sergas no hospital do Barbanza, "hai un aumento de ansiedade e de problemas de insomnio, aínda que polo momento non estamos apreciando unha maior demanda. Chegará co paso dos meses, sobre todo a raíz das complicacións sociais derivadas deste período: polas dificultades de conciliación, o desemprego e a baixada de ingresos", afirma. 

Así, observa un grao de malestar que non convén patoloxizar. "Ante unha situación coma esta, mostrar certo malestar emocional é a reacción máis lóxica e saudábel. Entra dentro do normal e, de entrada, non lle debemos asignar un diagnóstico", aclara.

A medio prazo, engade a psiquiatra, é previsíbel que o que agora son "incomodidades" deriven en doenzas, depresións, ansiedade; "pero máis polas consecuencias socioeconómicas que pola propia corentena, porque xa estamos vendo que as mulleres sofren maior estrés e malestar emocional pola carga de coidados e traballo que soportan".

Saúde mental primaria

A sanidade debe estar preparada para asesorar estas doentes, especialmente a Atención Primaria, sinala Iria Veiga. "Que diga que non se debe considerar unha patoloxía non significa que non se deba atender esa demanda. Normalizar ese malestar e explicarlle á persoa que o que lle está pasando non é unha enfermidade é unha forma de atender a súa demanda", explica.

Neste sentido, Veiga apunta a necesidade de incorporar a figura da psicóloga de Atención Primaria, un dos reclamos pendentes por parte do sector. "Mais temo que, coma sempre, a atención da saúde mental non vai ser unha prioridade cando isto se normalice".

Para Iria Veiga, implantar e consolidar nos centros de saúde este perfil especializado conseguiría aliviar a carga de traballo que asumen a día de hoxe os niveis superiores de asistencia e "permitiríanos prestar mellor atención a persoas que o que teñen son enfermidades, non demandas derivadas dunha situación complexa coma esta, que tamén son unha cuestión de saúde que non debe ser desatendida, insisto, mais pódese discutir en que nivel, e igual non nun nivel especializado", conclúe.

Investimento en saúde mental

A Organización Mundial da Saúde (OMS) urxe os Gobernos a que incrementen "o investimento en servizos de saúde mental". De non facelo, asegura, arriscaranse a un "aumenro masivo das condicións de saúde mental" a medio e longo prazo, xa que o impacto da pandemia neste eido "é extremadamento preocupante", advertiu Tredos Adhanom.

Neste sentido, desde o Colexio de Psicoloxía da Galiza consideran imprescindíbel que a planificación da nova normalidade "se faga tamén desde a psicoloxía". A próxima semana contan presentarlle áo Goberno galego un documento cunha análise do impacto psicolóxico mais as necesidades detectadas. "A nivel de saúde mental, a prestación de psicoloxía clínica nos servizos de Atención Primaria e o reforzo da atención especializada son básicas", defenden.