Salvamento Marítimo eleva a 7 os falecidos polo naufraxio do 'Vila de Pitanxo'

Imaxe de arquivo do 'Villa de Pitanxo' (Foto: Nós Diario).
Seguen os traballos de salvamento para atopar os catorce membros da tripulación que aínda están desaparecidos.

Salvamento Marítimo vén de informar que cando menos son sete os falecidos polo naufraxio do barco pesqueiro 'Vila de Pitanxo', que naufragou esta terza feira a 450 quilómetros da costa do Canadá, segundo informaron a Nós Diario fontes do sector e confirmou posteriormente a Central de Salvamento Marítimo, en Madrid, coa que tamén contactou este xornal a primeira hora desta terza feira.

Nun primeiro momento, foron catro os tripulantes atopados sen vida polos servizos de rescate marítimo de Canadá. Mais, tristemente, esa cifra elévase agora até as sete vítimas mortais.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, confirmou en declaracións aos xornalistas o número de vítimas, así como o feito de que foron rescatados con vida outros tres mariñeiros nunha balsa salvavida.

O presidente engadiu que as condicións do mar "son moi malas", pero que poderían estar a mellorar, segundo lle comentaron os fontes dos servizos de rescate do Goberno de Canadá e dos dous barcos pesqueiros galegos que se atopan agora mesmo a colaborar nos traballos de procura e salvamento da tripulación. 

Dispositivo de salvamento

Os servizos de salvamento do Joint Rescue Coordination Centre Halifax (JRCC-Halifax, Canadá) despregaron un dispositivo aéreo e marítimo —coordinado polo Goberno do Canadá— para rescatar os sobreviventes. Segundo confirmou a subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, "saltou a baliza de que afundira o barco e até hai moi pouco tempo [compareceu contra as 13 horas] non tiñamos ningún tipo de información".

"A situación nas augas de Terranova é moi mala", dixo, a respecto do caso deste buque, co que se perdeu o contacto contra as 5.30 horas desta madrugada. Trátase dun pesqueiro de 50 metros de eslora con base en Marín, pertencente ao Grupo Nores, e que partiu de Vigo hai 18 días.

Larriba confirmou que no tráxico suceso houbo vítimas mortais, malia que non concretou as cifras. Polo de agora continúa o rescate dos mariñeiros desaparecidos. Posteriormente, a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno do Estado, Isabel Rodríguez, confirmou que foron rescatados con vida tres tripulantes, con sinais de hipotermia, grazas ao buque 'Praia Menduíña', mentres continúa a busca do resto da tripulación. Hoxe o mar de Terranova rexistra unhas temperaturas de entre -1,8ºC e 2,1ºC, o que dificulta os labores de rescate.

Segundo informaron fontes gobernamentais, localizáronse tres das catro balsas salvavidas, das cales dúas estaban baleiras e na terceira viaxaban os tripulantes xa rescatados. Os servizos de salvamento seguen a buscar a cuarta balsa, cuxo paradeiro aínda se descoñece.