Rescatados tres tripulantes do pesqueiro de Marín que naufragou no Canadá

Imaxe de arquivo do 'Villa de Pitanxo' (Foto: vesselfinder.com).
Segundo confirmaron fontes de Salvamento Marítimo a 'Nós Diario', despregouse un dispositivo aéreo e marítimo para rescatar os sobreviventes de entre os 22 tripulantes do buque 'Vila de Pitanxo'. 

O barco pesqueiro 'Vila de Pitanxo' naufragou esta terza feira a 450 quilómetros da costa do Canadá, segundo informaron a Nós Diario fontes do sector e confirmou posteriormente a Central de Salvamento Marítimo, en Madrid, coa que tamén contactou este xornal a primeira hora desta terza feira.

Os servizos de salvamento do Joint Rescue Coordination Centre Halifax (JRCC-Halifax, Canadá) despregaron un dispositivo aéreo e marítimo —coordinado polo Goberno do Canadá— para rescatar os sobreviventes. Segundo confirmou a subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, "saltou a baliza de que afundira o barco e até hai moi pouco tempo [compareceu contra as 13 horas] non tiñamos ningún tipo de información".

"A situación nas augas de Terranova é moi mala", dixo, a respecto do caso deste buque, co que se perdeu o contacto contra as 5.30 horas desta madrugada. Trátase dun pesqueiro de 50 metros de eslora con base en Marín, pertencente ao Grupo Nores, e que partiu de Vigo hai 18 días.

Larriba confirmou que no tráxico suceso houbo vítimas mortais, malia que non concretou as cifras. Polo de agora continúa o rescate dos mariñeiros desaparecidos. Posteriormente, a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno do Estado, Isabel Rodríguez, confirmou que foron rescatados con vida tres tripulantes, con sinais de hipotermia, grazas ao buque 'Praia Menduíña', mentres continúa a busca do resto da tripulación. Hoxe o mar de Terranova rexistra unhas temperaturas de entre -1,8ºC e 2,1ºC, o que dificulta os labores de rescate.

Segundo informaron fontes gobernamentais, localizáronse tres das catro balsas salvavidas, das cales dúas estaban baleiras e na terceira viaxaban os tripulantes xa rescatados. Os servizos de salvamento seguen a buscar a cuarta balsa, cuxo paradeiro aínda se descoñece.

O Goberno estatal, segundo informou Rodríguez, segue "con inquedanza e preocupación" o suceso e mantén o contacto cos servizos de rescate. A portavoz pediu "especial prudencia" coas informacións publicadas nos medios por respecto ás familias.

Reaccións políticas

A vicepresidenta segunda do Goberno do Estado e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, trasladou o seu apoio ás familias a través da súa conta de Twitter: "Consternada polo accidente do pesqueiro galego 'Vila de Pitanxo' en augas de Terranova, chegan malas noticias do outro lado do Atlántico. Informouse de vítimas mortais e desaparecidos. Todo o meu ánimo e apoio ás familias na súa dor e incerteza".

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou estar tamén "consternado" polo suceso e apuntou: "Pomos a disposición do Goberno e máis da armadora todos os medios que precisen da Xunta. Todo o noso apoio para as familias".

E Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, engadiu: "Co corazón nun puño, seguindo con preocupación esta noticia. Agardemos que teña o mellor desenlace posíbel".

Aliás, o PSdeG emitiu un comunicado no que traslada a súa "solidariedade e apoio" ás familias: "O PSdeG quere acompañar ás familias dos pescadores, a todo o pobo de Marín e aos milleiros de traballadores e traballadoras do mundo do mar mentres agardan polas novas relativas ás tarefas de rescate, que permiten albiscar un pouco de esperanza logo do rescate polo momento de tres dos 22 tripulantes do pesqueiro".