Familiares da tripulación do pesqueiro afundido concéntranse en Marín á espera de noticias

Pesqueiro 'Vila de Pitanxo. (Foto: Ministerio de Pesca)
As malas condicións climatolóxicas estarían a dificultar os traballos de busca e salvamento, no que participan efectivos de Canadá e pesqueiros que se atopaban na zona do naufraxio.

Familiares e achegados da tripulación do pesqueiro 'Vila de Pitanxo', naufragado a 450 quilómetros da costa do Canadá, comezaron a desprazarse até as instalacións da armadora Nores, no concello de Marín, para informarse sobre sobre a situación actual.

Polo de agora, coñécense poucas noticias do ocorrido na costa de Terranova. O medo é a incerteza son os sentimentos predominantes entre as persoas que se achegan á armadora, á espera que os servizos de rescate de Canadá envíen novas noticias.

A esta hora segue a busca de dezasete dos vinte e catro mariñeiros desaparecidos durante o naufraxio. Dos restantes, tres foron atopados con vida nunha das balsas salvavidas. Tristemente, nesa mesma balsa tamén se atopaban outros catro tripulantes xa falecidos.

Os servizos de rescate tamén atoparon outras dúas balsas das catro que levaba a bordo a embarcación, mais neste caso estaban baleiras. A balsa salvavidas restante aínda non puido ser localizada, e os equipos de salvamento seguen na súa procura.

Malas condicións meteorolóxicas

No momento do naufraxio, o mar de Terranova rexistraba unhas temperaturas de entre -1,8ºC e 2,1ºC, o que dificulta as manobras de busca da tripulación.

Salvamento Marítimo explicou que as condicións da zona "son de vento, mala mar e visibilidade reducida". Esta zona está afectada actualmente por un temporal, xa que se trata dun lugar de paso deste tipo de tormentas desde o norte de América até Europa, a través do Océano Atlántico.

Ademais do Joint Rescue Coordination Centre Halifax (JRCC-Halifax), coordinado polo Goberno de Canadá, que despregou un dispositivo aéreo e marítimo, varios pesqueiros que se atopaban na zona tamén partciparon nos traballos de busca.