Salvamento Marítimo atendeu 90 emerxencias relacionadas coa náutica de recreo durante o verán

A embarcación Salvamar 'Regulus', de Salvamento Marítimo (Foto: Salvamento Marítimo).
O servizo de Salvamento Marítimo que máis emerxencias atendeu foi o de Fisterra, con 40 actuacións con 86 persoas involucradas; seguido polo de Vigo, con 30 e 78 persoas atendidas; e por último, o da Coruña, con 20 actuacións e 50 persoas involucradas.

Salvamento Marítimo, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno español, atendeu durante o verán de 2023 (entre o día 15 de xuño e o día 15 de setembro) un total de 90 emerxencias relacionadas coa náutica de recreo na Galiza, cun total de 214 persoas involucradas. Así se desprende dos datos facilitados polo servizo estatal e que recollen cifras dos Centros de Coordinación de Salvamento do Estado español.

Na Galiza, o servizo de Salvamento Marítimo que máis emerxencias atendeu foi o de Fisterra, con 40 actuacións con 86 persoas involucradas; seguido polo de Vigo, con 30 e 78 persoas atendidas; e por último, o da Coruña, con 20 actuacións e 50 persoas involucradas.

A nivel estatal, foron 3.050 as emerxencias atendidas de todo tipo, das que 1.510 (50%) foron relacionadas con embarcacións de recreo en todo o Estado. As persoas afectadas polos accidentes neste ámbito eleváronse a 3.644.

Principais causas

As principais causas das emerxencias nas embarcacións de recreo foron fundamentalmente o erro estrutural ou mecánico (78 por 100), a varada ou encallamento (6 por 100), debéndose o restante 16 de cada 100 casos a outras múltiples causas como incendios, afundimentos ou entradas de auga na embarcación.

Unha das últimas emerxencias que tivo que atender Salvamento Marítimo na Galiza foi a un pesqueiro que se atopaba en problemas ao sur das Illas Sisargas (pertencentes ao concello de Malpica), na costa noroeste galega.

Foi o propio barco, con dúas persoas a bordo, o que pediu axuda a Salvamento Marítimo, despois de que o motor parase e non arrincase.