Reabre a sala de partos de Verín após dous meses de protestas

Tras dous meses de peche, protestas e manifestacións; de acusacións cruzadas entre grupos políticos e representantes da Administración e de que se reactivara a busca de dúas profesionais que cubrisen as prazas de Pediatría do Hospital de Verín, a sala de partos do centro comarcal reabrirá esta segunda feira

Dous meses despois do peche da sala de partos do Hospital de Verín, a comarca prepárase para celebrar unha conquista social que se fraguou entre protestas e mobilizacións, nun encerro indefinido que está a piques de suspenderse, animada polo cruce de acusacións entre os grupos da oposición e representantes da Administración. Agora, despois dun cambio na dirección do hospital e do enésimo intento por dotalo de pediatras, a sala de partos do centro comarcal reabrirá esta segunda feira para continuar unha actividade que cesou o primeiro de decembro do ano pasado, cando a Xunta decidiu clausurala seguindo "criterios médicos" e de "seguridade".

“Falta de seguridade”

Segundo explicou a finais de novembro o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, foron expertos en Xinecología e Pediatría da área sanitaria de Ourense os que "por unanimidade" resolveron que debía finalizar a actividade na sala de partos de Verín ante a "diminución drástica de partos anuais".

A liña argumental do conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, foi a mesma que desenvolveu o xefe do Executivo galego, e tamén o xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial: o descenso no número de partos, 89 o pasado ano e 48 no que ía de 2019, supoñía  unha “falta de seguridade” na atención ás mulleres, a raíz da falta de carga laboral do persoal.

Profesionais sanitarias rebateron os argumentos da Xunta da Galiza desde o primeiro momento, afirmando que o número de partos dun territorio non garda relación coa súa calidade asistencial nin coa das profesionais do servizo.

Dúas prazas vancantes

A mobilización social, firme na súa demanda de recuperar os servizos perdidos, sostida polo apoio de sindicatos, dos partidos políticos da oposición e dos movementos en defensa da sanidade pública, motivou un das primeira reconsideracións por parte do Goberno da Xunta.

Feixoo anunciou unha convocatoria extraordinaria para tratar de cubrir as dúas prazas vacantes na área de Pediatría do hospital comarcal, desertas desde o verán. "Se hai algún disposto a traballar no hospital de Verín, podémolo contratar antes de comer. Non creo que se poida dicir de forma máis clara” asegurou o presidente o Goberno galego no seu día.

Carencia de pediatras

A falta estrutural de pediatras, que apuntan tamén desde a Administración sanitaria, estivo presente durante todo o conflito e mantense. As protestas pola carencia de especialistas duran meses en diferentes puntos do territorio, sobre todo en comarcas do rural e en numerosos centros de Atención Primaria nos que profesionais, asociacións sanitarias e de pacientes aseguran que non se están cubrindo as baixas ou que faltan facultativas.

"As usuarias denuncian a deficiente calidade asistencial derivada da falta de pediatras, da itinerancia e da concentración dos servizos".

Na Mariña, na Costa da Morte, na Baña, en Ferrolterra... E desde a pasada sexta feira tamén en Cee-Corcubión, onde saíron á rúa para protestar após coñecer que a pediatra que cubría a súa área é unha das que traballará en Verín a partir da mañá.

"Profesionais reclaman maior planificación e provisión de prazas, a fin da contratación precaria e maiores incentivos laborais".

E mentres as usuarias denuncian a deficiente calidade asistencial derivada da falta de pediatras, da itinerancia e da concentración dos servizos; a profesionais reclaman maior planificación e provisión de prazas, a fin da contratación precaria e maiores incentivos laborais para non ter que dicir que non ou marchar fóra.

Verín reabrirá

A busca de pediatras a través desa nova convocatoria, extraordinaria, pechouse o 7 de xaneiro sen éxito, mais a remuda na dirección do distrito sanitario de Verín, propiciou un avance cara a recuperación da sala de partos e das urxencias pediátricas.

"A remuda na dirección do distrito sanitario de Verín, propiciou un avance cara a recuperación da sala de partos".

Guillermina Agulla incorporouse á xerencia do Hospital de Verín do 10 de xaneiro tras a dimisión de Miguel Abad, por decisión persoal, no medio do conflito. Oito días após a súa chegada confirmou oficialmente que o Sergas contrataría dúas pediatras para cubrir as prazas de Verín e que o paritorio abriría a primeiros de febreiro.

Manifestación e protestas

A Xunta confirmou que os servizos reabrirán mañá, o día 3, despois de dous meses de peche, protestas e mobilizacións que se estenderon desde Verín ao Parlamento da Galiza e que espertaron a solidariedade da veciñanza e das profesionais sanitarias doutros hospitais comarcais, que ven perigar a o futuro da saúde pública no rural.

"As mobilizacións en defensa da sanidade pública no rural continuarán".

Foi unha das teimas da Plataforma en defensa da sanidade pública de Monterrei durante estes dous meses, a defensa dos servizos sanitarios de proximidade como recurso imprescindíbel para a supervivencia do rural.

Despois de dous meses, o peche indefinido no Hospital de Verín quedará desconvocado, pero non así as mobilizacións do persoal hospitalario e da cidadanía. “Seguiremos as protestas até que nos repoñan todos os servizos que fomos perdendo nos últimos anos. Até que regrese o dermatólogo que traballa desde Ourense, o traumatólogo, cirurxáns de medicina interna e as anestesistas”, insisten desde a plataforma de Monterrei.

Catro partos

Nos dous meses que permaneceu pechada a sala de partos naceron en Verín catro crianzas, dado que a inminencia a prema do parto facía inviábel o traslado até o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Desde mañá, Verín volverá contar con servizo de Pediatría, algo que non sucedía desde 2006, segundo recoñeceu o conselleiro Vázquez Almuíña. Recuperará a asistencia nos partos, con todas as garantías e sen “consentimento informado reforzado”, unha fórmula inexistente á que se referira o presidente da Xunta e que non se acabou de confirmar.