Clamor infantil en Verín contra o peche do paridoiro e das urxencias pediátricas

Nova mobilización contra o peche do paridoiro en Verín (Plataforma en defensa da sanidade pública de Monterrei)
Nenas e nenos de Verín e dos concellos da súa comarca encabezaron esta tarde unha nova protesta contra o peche do paridoiro e das urxencias pediátricas do hospital. As familias denuncian que máis de 2.000 menores quedarán sen atención como consecuencia desta medida. Vídeo no interior

Varios autobuses, chegados desde distintos municipios da contorna e afectados polo peche de servizos do hospital de Verín, desembarcaron o continxente infantil, que foi protagonista, xunto coas familias e o resto de afectadas, desta nova mobilización, amparada tamén pola plataforma en defensa da sanidade pública. Armadas con pancartas, globos, cazos e bombos, as manifestantes cargaron contra a Xunta e a decisión de suprimir o servizo de de urxencias pediátricas e o paridoiro do centro hospitalario. 

As demandas, que tomaron forma de canción a través das voces infantís da mobilización, chamaron a coidar “os nenos e nenas do futuro, tamén no rural”.  “Deberon de tomar esta decisión pensando en que no rural, ou non hai nenos ou non se poñen malos”, censurou a nai encargada de dar lectura pública ás reivindicacións da veciñanza. “Míntennos dicindo que os e as profesionais non queren traballar no rural, cando saben que moitos estarían dispostos a traballar nun hospital comarcal”, advertiu. 

Feixoo di que non ten a solución

A esa falta de pediatras aludiu hoxe Feixoo, na súa comparecencia ao remate do Consello da Xunta, para xustificar o peche do paridoiro de Verín e  esquivar as críticas que chegan mesmo de membros do seu propio partido, caso do presidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar. O presidente da Xunta manifestou que, “lamentábelmente”, non ten “a solución" para evitar o peche, unha decisión que ampara en “criterios médicos”. Nese sentido, volver poñer en cuestión a “seguridade” dos partos  por unha eventual perda de pericia na práctica clínica derivada do descenso de nacementos. 

Segundo indicou, a Xunta fixo no mes de xuño "un último intento", ao convocar dúas prazas de pediatría para Verín, que quedaron desertas, da mesma maneira que ocorreu con outras para outros servizos do centro sanitario. O "problema" das gardas, xustificou Feixoo, "estaba a solucionarse cun pediatra de Atención Primaria de Verín" e outros "desprazados" desde o Hospital de Ourense.

“Prefiro iso –asumir o peche, sendo unha "decisión impopular"– que poñer en risco a vida dunha nai ou dun bebé", manifestou.