En loita indefinida polo futuro da comarca

Colectivos sociais, profesionais e veciñanza da comarca de Verín diante do Parlamento (Irene Pin).
Máis de medio millar de persoas procedentes da comarca de Verín manifestáronse diante do Parlamento galego para exixirlle ao Goberno da Xunta que reabra o paridoiro e o servizo de urxencias pediátricas.

Polo dereito a vivir no rural e a gozar dunha mellor calidade asistencial. Máis de medio millar de persoas procedentes da contorna de Verín concentráronse ás portas do Parlamento para pedirlle ao Executivo galego que rectifique e volva abrir a sala de partos máis o servizo de urxencias de pediatría do hospital da bisbarra, clausurados desde o primeiro de decembro.

Veciñas e profesionais sanitarias, nais acompañadas polas súas crianzas, representantes políticas e sindicais viaxaron a Compostela en nove autobuses e en coches particulares; desde Verín, máis tamén desde Riós, A Mezquita, e outras vilas da redonda.

“É absolutamente necesario estar aquí”, sinala unha veciña de Verín que recoñece un grande enfado entre a poboación após o fechamento destes servizos fundamentais, aos que hai que sumar a perda doutros especialistas sanitarios que agravan o desmantelamento do hospital comarcal, di. “Eu vexo moita xente cabreada, como nunca antes vira por alí”. E proba dese anoxo son os cánticos que de xeito ininterrompido mantiveron as persoas congregadas ante o Parlamento -onde se debatía o proxecto de lei de orzamentos para o ano 2020- e a firmeza con que manifestaron a súa decisión de botarlle un pulso indefinido aos políticos e xerentes responsábeis do feche de servizos médicos fundamentais no seu contorno.

'Verín non se fecha'

Ao berro de ‘xerencia dimisión’, ‘non somos números, somos persoas’, ‘o meu meniño non nace no camiño’ ou ‘Feixoo, escoita, Verín está en loita’; saíron por primeira vez da súa área sanitaria para exhibir ante a Cámara galega un xesto de resistencia que reafirma a súa intención de seguir liderando a loita polos seus dereitos sanitarios e reprodutivos.

“Eu teño dúas nenas, de 2 e 5 anos”, explica a Sermos Galiza outra das manifestantes cunha das fillas no colo. “As dúas naceron en Verín e os partos foron marabillosos. Tiñamos un servizo estupendo, de partos e pediatría; e agora queren quitar todo. Déixannos sen pediatra de garda, sen paridoiro; mais tamén sen un traumatólogo e sen un dermatólogo”.

Por máis que digan que tomaron esta decisión pola nosa seguridade, o que están poñendo en xogo son as vidas da xente do rural.

“Isto forma parte dun desmantelamento xeral do rural”, apuntan a dúas voces desde a mesma beirarrúa máis veciñas da comarca verinense. “Só que desta vez poñen en risco a vida das persoas, das mulleres embarazadas e das súas crianzas. Por máis que digan que tomaron esta decisión pola nosa seguridade, o que están poñendo en xogo son as vidas da xente do rural”, sentencian.

Durante dúas horas as veciñas de Verín e da súa comarca expuxeron en público as súas demandas. “Estamos fartas de calar”, repetía sen deixar de aplaudir ao son das proclamas outra das persoas chegadas a Compostela despois de dúas horas de viaxe. “Por iso estamos aquí, para loitar polos nosos dereitos”. Unha reivindicación compartida polo colectivo social e profesional, máis pola xente de todas as idades que se deu cita ás portas do Parlamento galego.

Moitas persoas maiores comprometidas co futuro da súa comarca, para a que reclaman unha dotación de servizos accesíbeis e de calidade, que evite que a xente moza teña que marchar. “Non están deixando nada”, recalca unha das veciñas máis vellas. “As mulleres novas non teñen onde parir, se non é no medio do camiño; e as persoas maiores, outro tanto, a 70 quilómetros do Hospital de Ourense sen nos poder valer”.

Para Aurora Sola, representante da plataforma en defensa da sanidade pública da comarca de Monterrei, a decisión de pechar o paridoiro e as urxencias pediátricas do Hospital de Verín é a máxima expresión “do abandono total da nosa comarca”, un desleixo que, de seguir, obrigará a mocidade a emigrar. 

Máis protestas ata que reabran os servizos

Por iso defende o feche indefinido que manteñen no hospital comarcal desde hai 16 días. “Seguiremos mañá, tarde e noite até que se reverta a situación actual. Só levantaremos as protestas cando vexamos os servizos abertos e funcionando”.

Só levantaremos as protestas cando vexamos os servizos abertos e funcionando.

Insiste Sola en que atrás destas accións virán outras, até demostrar que os argumentos da Administración e da xerencia hospitalaria son falsos. Segundo expresou, queda demostrado que as razóns que ofreceron tanto desde o Goberno galego como desde o Hospital de Ourense "eran mentira", na medida en que foron mudando a súa argumentación “como Groucho Marx; estes son os meus motivos, se non che gustan, teño outros”.

Neste sentido, o colectivo social e sanitario da comarca de Verín, arroupado tamén pola plataforma en defensa da sanidade pública de Valdeorras, aproveitou o seu paso polo Parlamento de Galiza para reivindicar a profesionalidade das especialistas cuxa pericia se puxo en dúbida. “É unha decisión política, moi pensada, pero non contaron con que a poboación ía saír á rúa” ata que se retomen, concluíu.

"Os servizos non son mellores en Ourense que en Verín", defende a veciñanza. "Boa mostra do que perdemos tivémola co nacemento de Manuel, separado de súa nai nun xesto violento, indignante e falto de humanidade por parte de quen, chegado de fóra, tomou esa decisión".