Sabucedo, ás portas da Rapa das Bestas máis combativa contra "a agresión eólica"

Rapa das Bestas, en Sabucedo (Foto: Arxina)
O lugar da Estrada, na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, recibirá máis de 10.000 visitantes entre o 7 e o 10 de xullo.

A localidade de Sabucedo prepárase para acoller a Rapa das Bestas, do 7 ao 10 de xullo, unha festa de Interese Turístico Internacional que este ano vai xirar arredor da "agresión eólica planificada nos montes onde viven as bestas da Rapa".

O presidente da Asociación de A Rapa das Bestas, Paulo Vicente Monteagudo, estima unhas cifras de visitantes "como os outros anos", entre os 10.000 e 15.000, con todos os estabelecementos cheos na contorna.

Segundo explica, esta festa baséase, "na pervivencia dos animais nos montes, no ben das bestas". "Facemos o que temos que facer que é baixar as bestas do monte, desparasitalas e rapalas, que é realmente no que consiste", detalla Monteagudo.

Bestas e aloitadores

As bestas serán recollidas o sábado no Castelo ás 11 horas e entrarán en Sabucedo ás 14 horas desa mesma xornada. En total haberá tres curros, o primeiro o sábado ás 19 horas, o segundo o domingo ás 12 horas e o terceiro a segunda feira ás 12.

Como cada ano, os aloitadores serán os encargados desa rapa, pero hai que cumprir uns requisitos para poder pertencer a este grupo. Será a veciñanza de Sabucedo a que loite, así como aquela xente que ao longo do ano "está aí para cando teña que botar unha man".

Agresión eólica

Sobre a mensaxe ambiental que planará sobre o festexo, Paulo Vicente Monteagudo asegurou que estará presente na aldea, onde colgarán ducias de pancartas, nas intervencións que faga a propia asociación, así como nas actividades e concertos, xa que animarán os artistas a que falen da problemática.

Monteagudo suma este labor de divulgación e denuncia ás alegacións que veñen presentando desde hai tempo contra os proxectos que ameaza os seus monte e avanza que "van ir á xustiza" contra os parques eólicos que queren pór na zona por onde baixan os cabalos.

Non queremos subir ao monte e tropezar con monstros de 200 metros de altura

"Estamos nunha loita desde hai varios anos, imos tirar para diante con ela e coa defensa da terra que faga falta", advirte.

Desde A Rapa das Bestas rememoran as palabras de Rodrigo Sorogoyen, galardoado co Premio Goya á mellor dirección pola súa película 'As bestas': "Enerxía eólica si, pero non así", coas que censurou publicamente os catro proxectos eólicos que se planificaron no territorio onde habitan as mandas salvaxes de Sabucedo.

Montes fragmentados

Eses montes "son un rico patrimonio arqueolóxico e sobre todo natural". De se completar os proxectos previstos o territorio "quedaría fragmentado pola construción de grandes vías" para permitir o acceso ao transporte co equipamento necesario para a construción dos parques.

"Non queremos subir ao monte e tropezar con monstros de 200 metros de altura que invaden todo o territorio co seu incesante ruído", remarcan desde a asociación da rapa das bestas de Sabucedo.