O rural contra o desmantelamento dos servizos bancarios: "Menos beneficios e máis servizos"

Mobilización contra o feche de sucursais de Abanca en varias localidades galegas, sobre todo do rural (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Gobernos locais e veciñanza dos concellos de Zas, Vimianzo, A Baña, Fene e Cerdido manifestáronse na Coruña contra o feche de sucursais de Abanca que minguará aínda máis os servizos finaceiros dispoñíbeis no rural.

Os gobernos municipais de Zas, Vimianzo e A Baña foron os impulsores da mobilización á que se sumaron, esta quinta feira, na Coruña, as corporacións doutras dúas localidades afectadas pola clausura de oficinas presenciais de Abanca.

Fene e Cerdido tamén ficarán en setembro sen sucursal bancaria na que poder xestionar os seus cartos de forma directa, sen necesidade de acudir a outra localidade.

Así, varios centenares de persoas procedentes destes cinco concellos manifestáronse na Coruña contra a decisión da entidade financeira.

Veciñanza e corporacións

Á protesta contou coa presenza dos alcaldes e alcaldesa dos municipios magoados polo abandono de Abanca e co apoio de formacións sindicais e políticas como o BNG, PSdeG e CIG. Pero sobre todo, coa indignación dos veciños e veciñas que en poucos días se verán na obriga de desprazarse varios quilómetros para poder resolver calquera trámite bancario.

As súas proclamas contra o feche das oficinas bancarias, o desmantelamento dos servizos financieros e o abandono do rural súmanse ás doutros concellos prexudicados polo mesmo problema. É o caso de Campo Lameiro ou Portas, que tomaron a iniciativa para evitar o feche das sucursais e rexeitar os caixeiros como única alternativa.

A manifestación iniciouse ás portas da fundación de Abanca e terminou na oficina central do banco en Santo Andrés. No transcurso escoitáronse cánticos como "non aos feches" ou "menos beneficios e máis servizos" ao tempo que os asistentes portaban pancartas que pedían que non se prescindise das oficinas e outras que tachaban o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, de "ingrato".

100 oficinas menos en 5 anos

O alcalde de Cerdido, Benigno Galego, explicou que no seu concello "só queda un caixeiro obsoleto que sofre bastantes avarías" e subliñou que o municipio ten "unha poboación envellecida", e que, para eles, utilizar a banca electrónica é "complicado". Tamén denunciou as dificultades para desprazarse a concellos limítrofes "por falta de transporte público".

"Queremos expresar a máis rotunda oposición a esta política". "Están a reducir as oficinas e o persoal, nos últimos cinco anos máis de 100 oficinas fecharon", expuxo o alcalde de Fene, Juventino Trigo, que instou a Xunta e o Goberno a "tomar medidas". "O que está a facer Abanca está fóra de toda lóxica", dixo.

Abanca, rescatada con diñeiro público

Pola súa banda, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, manifestou que o peche de oficinas é unha "perda máis" de servizos que levan tempo sufrindo e considerou que esta é "a pinga que colma o vaso", xa que os bancos foron "rescatados con diñeiro público". Tamén sinalou que a xente "está farta" de que os bancos "poidan facer o que queren".

"Estamos ante outro atentado contra o rural, estamos fartos de que enchan a boca de que queren promocionalo e logo nos metan estas puñaladas. Non temos apoio desde as institucións, solicitámoslle á Xunta unha reunión, porque se alguén pode frear esta sangría é o presidente", o rexedor da Baña, José Antonio Pereira.

Á súa vez, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, considerou que a repercusión é "tremenda" para os seus veciños polo peche da oficina de Baíñas, que ademais usan os veciños de Dumbría e Zas. Xunto ao desprazamento ou as dificultades para usar a banca electrónica, tamén sinala que este peche afecta ao pequeno comercio da localidade.