Portas decretará loito oficial se finalmente fecha a sucursal de Abanca

 

O Concello votou a favor desa medida como protesta se a entidade financeira continúa adiante coa súa idea de eliminar unha oficina. Ademais, retirará do banco todos os fondos que teña en contas da entidade.

Unha imaxe da votación no pleno de Portas. (Foto: Europa Press) #portas #abanca #fechamento #sucursal #rural #servizos #entidadefinanceira #banco
photo_camera Unha imaxe da votación no pleno de Portas. (Foto: Europa Press)

Os grupos con representación na corporación do Concello de Portas acordaron que, no caso de que Abanca continúe co seu plan de fechar unha oficina no municipio, decretarán un día de loito oficial.

Nun pleno no que tamén se pactou un decálogo de medidas para realizar no caso de que a desaparición da sucursal sexa unha realidade, as e os edís concluíron que outra acción reivindicativa será a supresión de todos os fondos municipais que haxa en contas nesta entidade financeira.

Desde o Goberno local insisten en que esta decisión de Abanca é “unilateral e inxustificada tomada de forma irreflexiva” pola dirección, que de feito está a sinalar unha serie de oficinas repartidas por toda a xeografía galega para facelas desaparecer.

En Portas consideran que esta actuación é “un ataque contra os dereitos” da cidadanía, nomeadamente das persoas maiores.

A este respecto, lembran que estas últimas son “vítimas da ruptura tecnolóxica” e quedarán “abandonadas á súa sorte á hora de poder cobrar as súas pensións ou atender as súas xestións bancarias".

O Concello tamén trasladará o seu malestar e a súa posición contraria a este recorte de servizos públicos á Xunta, o Goberno español e o Banco de España.

En relación ao Executivo galego, sostén que debe actuar “como garante dos concellos rurais” impedindo que os bancos realicen estas operacións que eliminen os “servizos presenciais”. Ao tempo, a corporación ten idea de buscar outras opcións se finalmente decorre o feche.

Comentarios