RTVE pide perdón por mofarse do acento galego en 'Master Chef'

Samantha, 'Pepe' e Jordi, o xurado de 'Master Chef'. (Foto: RTVE).
A canle recoñece que a súa "imitación" foi "desafortunada e inoportuna". 

A directora de programas Orixinais de Radio Televisión Española (RTVE), Ana María Bordas, desculpouse polas "burlas" que realizaron os xuíces de Master Chef: Celebrity,  Samantha  Vallejo-Nájera, Jordi Cruz e Pepe Rodríguez, do idioma galego nunha das probas de exteriores do concurso culinario.

"Creo que o uso da imitación do acento e da pronuncia do idioma galego foi desafortunada e inoportuna", expresou Bordas durante o programa RTVE: Responde, emitido no día de hoxe, e no que respondeu así ás críticas recibidas por este feito.

Segundo asegurou, "unha das responsabilidades de RTVE é defender e protexer o uso correcto das linguas do Estado", polo que advirte de que desde a Corporación pública tómanse "moi en serio" esta responsabilidade. "Pido desculpas ás persoas que se sentiron ofendidas", indicou Bordas, que reitera que desde RTVE lamentan a comisión de erros.

En calquera caso, deixou claro que o ambiente no que se produciron as imitacións era "distendido" e "en ningún momento pretendían ferir os sentimentos galegos ou burlarse da lingua".

Tal e como engadiu, Master Chef pretende "entreter transmitindo valores positivos", evitando ao máximo as "polémicas". "Se Master Chef se desprazou a Galicia era para pór en valor a súa beleza, a súa gastronomía e a bondade das súas xentes e non para resultar aspectos negativos ou burlarse de ninguén".