“É vergoñento”: malestar entre a audiencia de Master Chef polo que consideran “burla” do acento galego

Durante o programa que se desenvolveu na Coruña.

A Coruña foi o emprazamento elixido polo programa ‘Masterchef celebrity’ de TVE para o seu concurso en exteriores desta semana. Un concurso que rematou con malestar e irritación en parte da audiencia galega que seguía o programa polo que consideraron unha “burla” do sotaque galego por parte dos 3 xuíces do programa.

Nun momento do concurso, e para elixir os seus respectivos equipos, estes xuíces decidiron realizar unha proba: vender percebes como entenden que o faría un veciño da zona. E aí optaron por ‘imitar’ o que consideran o acento galego, o que non gustou en parte dos espectadores, que axiña lles recriminaron a través das redes sociais o que estaban a facer.

“Que decepción de programa! O trío caveira ( jordi, samantha e pepe) burlándose do acento galego”, “Levei unha decepción despois da broma do acento galego da proba de hoxe na Coruña”, ou “O acento galego podiádesvolo aforrar, unha pésima burla. Non imitades o acento en ningún sitio. Tocámosvos nunha tómbola?”, foron algúns dos comentarios.

Até A Mesa mostrou o seu malestar polo sucedido: "Esta canle pública @rtve), pagada por todas nós, que só se emite un 0,52% de galego ao día, estas imaxes coméntanse soas!".