Voceira do Movemento Galego da Saúde Mental

Rosa Cerqueiro: "A saúde mental é a irmá pobre da sanidade pública"

A psicóloga clínica do Sergas e portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro (Foto: Nós Diario).
A problemática da saúde mental sempre estivo presente na sociedade. Agora, coa pandemia, aumentaron os casos coincidindo coa crise. O Movemento Galego da Saúde Mental cre que a Xunta incumpre o seu propio plan. Nós Diario conversa desta situación coa súa voceira, a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro.

Que opina de que se fale de "pandemia" na saúde mental?

Fálase de pandemia de saúde mental como se fora algo novo cando, en realidade, os problemas de saúde mental levan con nós moitos anos. Estamos á cabeza do Estado español nesta problemática. Ao estar relacionada con factores sociais, socioeconómicos, sociodemográficos e de estrés é certo que a pandemia tensou aínda máis o malestar da poboación. Nunha situación que xa de por si era mala a nivel de aumento dos problemas de saúde mental, coa pandemia estes aumentaron.

Hai estudos que sinalan un gran aumento da ansiedade e da depresión nas consultas da sanidade pública e da sanidade privada. Nesta última nunca antes acontecera que os gabinetes tiveran problemas para citar a pacientes novos.

Podería empeorar?

Preocúpanos o desbordamento da Atención Primaria. En 2020 baixaran as derivacións á saúde mental por estar os centros de saúde fechados e non haber atención presencial, todo estaba enfocado ás urxencias da Covid-19 polo que fora unha baixada falsa artificial. Agora podería acontecer o mesmo co anuncio de que só se atenderán urxencias relacionadas coa Covid-19.

Moitos pacientes quedarán fóra e repercutirá na saúde mental por chegar tarde. A atención sanitaria é en cadea e as profesionais notan a presión pola sobrecarga, por non poder facer máis do que xa fan. Agora hai ampliación de horarios e teñen que traballar o dobre.

Cre que a saúde mental queda relegada na sanidade pública?.

Sempre quedou en segundo plano. Ten que ver con prexuízos e estereotipos que se manteñen como sociedade en xeral. Revitimízase á persoa que ten un problema mental. Lígase a ter problemas persoais cando son condicionantes sociais que agravan calquera tipo de problema. Sempre se falou de que era a irmá pobre do sistema. É un dos principais atrancos que ten a xente para pedir axuda, tamén desde o ámbito profesional. Ás veces somos os peores no sentido de non pedir axuda ao verse como un signo de debilidade. E a situación de tensión é extraordinaria.

A discriminación é un problema que ven de lonxe e forma parte da sociedade. Non se pode estar mal. Vese como unha debilidade de carácter estar mal e trasládase a todos os ámbitos da sociedade, incluído o persoal sanitario.

Que opinión lle merece o Plan de Saúde Mental Poscovid da Xunta?

Comezou no 2020, houbo contratacións e abríronse dispositivos asistenciais. Mais, tendo en conta os propios documentos planificadores da Xunta de hai 25 anos, o Plan queda á metade do previsto... hai 25 anos. Polo medio pasaron varias crises. O aumento de profesionais que propón, e que ademais non se cumpre, non chega para cubrir a demanda actual que aumentou estes dous anos.

O desenvolvemento do Plan, por riba, é desigual segundo cada área sanitaria. Un tema grave, que se levou en decembro ao Parlamento, foi que unha unidade de prevención do suicidio que se puxo en marcha en Pontevedra en xuño fechou en outubro. Sen contar con que, por exemplo, non hai esa unidade en Compostela e non sabemos moi ben a razón.  

A publicación de casos individuais que vivimos o último ano servirá para concienciar á Administración e á sociedade?

Creo que si. Había certa necesidade e a xente está animándose a falar de que está mal, que non sempre se está ben e precísase axuda. Por este motivo a Administración ten que estar á altura.