A pandemia saca á luz as carencias da atención psicolóxica no 112

Centro operativo da Axencia Galega de Emerxencias, onde se sitúa o 112. (Foto: Axega)
O Colexio Oficial de Psicoloxía colaborou para brindar o servizo de atención no 112, froito dun acordo de colaboración con Vicepresidencia que chegou case un mes despois da declaración da Covid-19 como pandemia.

Desde que o 14 de marzo de 2020 se declarou o estado de alarma no Estado español, cando xa se contabilizaran 2.322 persoas contaxiadas e 43 falecidas por Covid-19 na Galiza, a vida das cidadás e cidadáns sufriu un cambio radical coa chegada do confinamento, ademais, “comezaron a xurdir alteracións socioemocionais que se engadían aos riscos económicos e sanitarios”, explica María do Carme González nun estudo publicado no anuario do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza.

Isto xerou un aluvión de demandas de asistencia ao Colexio de parte de colectivos moi variados. Tras transmitir a situación á Xunta, recalcando a necesidade de brindar atención psicolóxica á poboación que a precisaba, o 6 de abril -case un mes despois- un grupo especializado de 29 persoas da entidade comeza a traballar co 112 por medio dun convenio asinado con Vicepresidencia.

Non obstante, ao non “cumprir as condicións ordinarias da intervención en emerxencias nin as características habituais da intervención clínica”, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias tivo que impulsar un protocolo para dar unha resposta unificada tendo en conta desde as chamadas recorrentes sen unha demanda clara ás situacións sociais de risco ou o estado mental das persoas atendidas.

Durante a extensión do confinamento o operativo atendeu até 723 chamadas, das que arredor do 28% foron derivadas para o seu seguimento por parte doutros servizos, os máis comúns os de atención primaria, saúde mental e servizos sociais. Mentres que nas primeiras tres semanas a media de chamadas diarias foi de 22, foron diminuíndo paseniño até chegar a 2 diarias nas últimas semanas do confinamento.

O perfil máis común das persoas atendidas é o de mulleres de entre 40 e 49 anos que presentaban síntomas de ansiedade, amais, pouco menos do 70% das chamadas proviña de residentes en zonas urbanas, sobre todo do noroeste da Galiza.

Con respecto ás patoloxías previas, o Colexio informa de que o máis habitual foron os trastornos depresivos, de ansiedade e de personalidade. Asemade, apuntan que o 57% das e dos usuarios recibían algunha clase de tratamento psicolóxico ou farmacolóxico previo.

Baseada nas experiencias adquiridas durante o operativo, a autora do estudo reclama a elaboración dun “plan de emerxencia sanitaria que atenda a saúde mental e ao benestar psicolóxico”, e reitera que xa se transmitiu á Xunta a necesidade de reforzar os recursos profesionais neste eido para “dar cobertura ás persoas que viron aprazadas as súas citas”, garantindo a presenza de profesionais da psicoloxía en todos os concellos.

Tamén recomenda manter a este persoal na estrutura de Protección Civil e asegurar que estean en “todos os equipos de orientación dos centros educativos”, así como en Atención Primaria.

Outro dos aspectos que aborda o documento é que exixe implantar á Xunta, son “programas de intervención social para fomentar a cohesión e inclusión comunitaria e a resiliencia das persoas”.