Este sábado decorrerá a Romaxe de crentes que homenaxea a figura de Moncho Valcarce

Esta nova Romaxe, que decorrerá en Culleredo, leva o lema 'Fóra do pobo non hai salvación'. (Foto: Asociación Irimia)
Este sábado a Asociación Irimia organiza a Romaxe de crentes galegos e galegas. Esta 44 edición do acto preséntase co lema ‘Fóra do pobo non hai salvación’, en homenaxe a Moncho Valcarce, e decorrerá en Castelo, Culleredo. Nós Diario conversa co párroco Rubén Aramburu, membro da asociación, sobre a romaxe desta fin de semana.

O campo da festa de Castelo, en Culleredo, acolle este sábado a Romaxe de crentes galegas e galegos, un evento que a asociación Irimia leva realizando desde 1978. A entidade anima todas as persoas, comunidades, asociacións e parroquias da Galiza a que asistan a unha xornada marcada pola irmandade e a festa. “A romaxe é unha xuntanza que pretende achegarse á realidade dos galegos e das galegas”, explica a Nós Diario o párroco Rubén Aramburu. 

Este evento desenvólvese cada ano nun lugar diferente do territorio galego e conta cun “ton reivindicativo e de denuncia das situacións sociais que se dan no país”.

Nova edición da Romaxe

Cada edición vai acompañada dun lema, o deste ano, 'Fóra do pobo non hai salvación', homenaxea a figura de Ramón Valcarce. “A frase desta edición vén dunha expresión latina que di ‘Fóra da Igrexa non hai salvación’ e nós queriamos facer unha réplica pero sostendo que onde realmente non hai salvación é fóra da implicación no pobo”, pois, engade Aramburu, “o pobo debe ser o elemento fundamental”.

O lema fai referencia a Ramón Valcarce (1935-1993), o crego das Encrobas, figura referencial pola súa actividade social e política na defensa do país e das clases populares e, principalmente, das labregas e labregos, como no caso da loita das Encrobas a finais dos anos 70.

Este ano, a xornada comezará coa celebración 'No Ronsel de Mocho Valcarce: fóra do pobo non hai salvación', que irá acompañada pola música do grupo A Quenlla. A continuación, decorrerá un xantar compartido, tamén animado por actuación musicais. “Ademais, sempre hai un espazo para a intervención de asociacións que reivindican as súas loitas” como colectivos de persoas inmigrantes, indica Aramburu.

A Asociación Irimia

A Asociación Irimia “naceu na primeira romaxe que se desenvolveu hai 44 anos no pedregal da Irimia (Meira), de aí o seu nome”. O lema daquela romaxe inicial era 'Eu renazo galego' como un “xesto simbólico da xente que se rebautizaba na auga do río Miño". Desde entón, a asociación comezou a levar a cabo diversas xuntanzas e a publicar unha revista homónima. “Tamén participamos todo o que podemos (en iniciativas) a prol do país”, sostén o párroco. 

O obxectivo da asociación é a conformación dunha Igrexa galega comprometida co pobo e coa lingua do país. “A Igrexa institucional implicouse moi pouco na defensa da lingua, o 90% das celebracións litúrxicas son en castelán” afirma, e pregúntase “por que se falamos en galego non podemos rezar en galego”.

O obxectivo da asociación é a conformación dunha Igrexa galega comprometida co pobo e coa lingua do país

O crego sostén que o uso do galego na Igrexa é unha forma de “dignificación da lingua impresionante” e indica que “cando se fan misións fóra, o primeiro é entender a cultura, aprender a lingua dese pobo, porén aquí pasa todo o contrario”. Critica a “imposición” do castelán, que demostra a presenza “dunha Igrexa que estaba na Galiza pero que non era galega”.