Opinión

Planeta Irimia

Ábrese neste xornal galego unha xanela para que Irimia teña, cando corresponda, a oportunidade de dicir a súa palabra. Na historia do recente galeguismo militante, practicamente desde a chamada transición política, a Asociación Irimia -as Romaxes, os Cruceiros, a revista, a Festa do Lume etc.- son ben coñecidos. Pero quizais non tanto. Non está de máis, xa que logo, facer desta primeira achega unha sorte de pequena autopresentación, tan honesta, informal e cordial como se poida.

Alguén, e cando dicimos "alguén" falamos do mellor dos nosos "alguéns", Pepe Chao, definiu a Irimia como un "horizonte común". Nas orixes de Irimia hai persoas símbolo e momentos e lugares hierofánicos. Falar de persoas sería complicado, polo número e diversidade, quitado Pepe, evidentemente, por irrepetible, por ser un manancial de proxectos, inventos e apalabramentos. De momentos e lugares poderiamos falar outro tanto, pero subliñando que houbo tamén un momento manancial. E foi, xaora, no manancial do Miño, como tiña que ser, na primeira Romaxe de crentes galegos, co lema "Eu renazo galego". Despois viñeron outras corenta e unha máis.

Poderiamos poñernos serias e transcendentes e comezar a falar da proposta de síntese entre fe e galeguidade, entre un cristianismo de base, aberto e crítico, e un galeguismo solidario, de esquerda, de abaixo arriba; esa proposta orixinal e creativa que supuxo Irimia desde aqueles anos oitenta, da man de Pepe Chao e dunha enorme minoría de galegopracticantes, en comunidades, grupos de acción social e veciñal, parroquias e movementos diversos. Pero non temos sitio para tanto.

Poderiamos tamén falar da importancia de Irimia en referenciar a eses grupos coas experiencias de emancipación e liberación humanas -conectándoas coa teoloxía da liberación- asumindo aquilo que tan ben formulou Schillebeeckx cando retrucou aos integristas con aquel rotundo "fóra do mundo non hai salvación". E de vivir con naturalidade que a opción por Galicia como pobo, terra e fala desposuídas e minorizadas non é allea -senón, en todo caso, connatural- cos mellores e máis revolucionarios valores do Evanxeo. Pero non temos espazo.

Deixémonos logo de sesudas ideoloxías, que tanto embeleñan. Un horizonte común, dicimos. Vida, dicimos. Xente e comunidades conectadas sen xerarquías. Xente anómala, logo, que nos permitimos vivir un ecumenismo ventureiro, híbrido, aberto, antidogmático. Que non pretendemos ningunha equidistancia, pero que distamos millas duns e doutros (dos fundamentalismos confesionais e dos anticonfesionais). Dicimos vida, encontro na ortopraxes, non na ortodoxia; no facer ben, e non na corrección -de ningún tipo-, nin no canon, nin no postureo.

Abofé que temos fe, e sobre todo aspiramos a ser xente de boa fe, nunha decidida maneira de estar no mundo, a das mesas compartidas, a do que baixa do cabalo para atender ao caído, a de dar vista ao cego, voz ao mudo, liberdade ao oprimido, acollida á diferente... A contemplación na acción. Aspiramos a esa esperanza activa, compartida, que une a crentes críticas e diversas, a escépticos honestos, a pesimistas esperanzadas, a agnósticos humanistas, e a ateos grazas a Deus. Na batalla dos dogmatismos, estamos en terra de ninguén, pero temos os pés e as mans na terra, nesta terra.

Facemos unha revista, un lugar de intercambio e revisión do acontecer. Dicímonos, para animarnos, que parecemos a tropa de Pancho Villa, pero sen Pancho Villa, nun esforzo de coralismo extremo, porque nesta altura receamos dos liderados estelares. Un espazo no que cremos que as verdadeiras confluencias, as que sandan un país son as pre-políticas, as que constrúen persoas. E así van alá máis de 1000 números e 39 anos.

Cremos na soberanía do cotián. No pan de cada día. No viño de cada festa. E por iso seguimos celebrando a Romaxe de Crentes Galeg@s, itinerante, gratuíta, acompañados pola Quenlla, explorando outra maneira galega e comunal de agradecer e celebrar o misterio -sorprendente e garimoso- polo que seguimos confiando e apostando, contra todo, a pesar de todo, por unha Galicia mellor nun planeta vivo e xusto. Sabemos que somos unha anomalía. Pero somos unha estupenda anomalía. 

Comentarios