Opinión

A matanza dos xesuítas

O 16 de novembro de 1989 comandos do exército salvadoreño irromperon na residencia da Universidade Centroamericana (UCA) cunha orde precisa: executar ao xesuíta e filósofo vasco Ignacio Ellacuría sen deixar testemuñas. No xardín da universidade apareceron oito corpos cribados a balazos: os xesuítas Ellacuría, Martín Baró, Segundo Montes, Amando López, Juan Ramón Moreno e Joaquín López xunto a Elba Julia Ramos e á súa filla Celina que contaba 15 anos. Elba era traballadora  na residencia, decidiu quedar a durmir esa noite na UCA por medo aos disturbios. Non son máis que oito nomes nunha longa lista de asasinatos tras o golpe de estado de 1979 que provocou unha onda de violencia por máis de dez anos e deixou unha cifra duns 100.000 mortos e desaparecidos, entre eles o arcebispo Romero, a  voz do pobo fronte a represión, asasinado o 24 de marzo de 1980. A morte de Ellacuría tivo repercusión mundial e acelerou o proceso de paz no que empeñou os derradeiros anos da súa vida. O goberno salvadoreño (Alfredo Cristiani-ARENA) acusou á guerrilla do FMLN como executora dos xesuítas, pero ante a presión internacional, mesmo dos EUA de Ronald Reagan, recoñeceu a acción militar alegando que Ellacuría e os seus compañeiros colaboraban coa guerrilla.

Logo de 30 anos celebrouse en Madrid por insistencia das familias dos xesuítas o xuízo contra o responsable material da matanza, o coronel salvadoreño Montano Morales ex-viceministro de Seguridade. Foi condenado pola Audiencia Nacional a 133 anos de cadea, a pasada semana.

A UCA vén de difundir un comunicado sobre o resultado do xuízo.

Recoñece a importancia, porén lamenta que non se teña celebrado en  El Salvador. O proceso xudicial deixou ben claro a responsabilidade do exército salvadoreño e a implicación do Estado na violencia cometida contra a poboación inocente durante anos. A promoción- 1966 da Escola militar , coñecida como “La Tandona” funcionou desde o poder coma unha maquinaria criminal e encubridora de abusos contra os dereitos humanos. “Mentres as forzas armadas, a nivel institucional non pidan perdón polas graves violacións dos dereitos humanos do pasado e non cooperen coa xustiza abrindo os seus arquivos dificilmente pode ser considerada unha institución democrática”

A UCA segue apostando pola reconciliación nun país no que a violencia non desapareceu. Unha das consecuencias dos anos de guerra civil foi a de milleiros de crianzas orfas e abandonadas, criadas nas rúas con fame e miseria... Xeracións que medraron con xenreira dentro do corpo e da alma. Apareceron as Maras, organizacións criminais de mozos cunha violencia extrema e fan que El Salvador, un dos países máis pequenos de América sexa tamén dos máis violentos. Os xesuítas están detrás de moitos dos proxectos e programas de educación para a mocidade que quere deixar atrás a violencia.

A UCA é consciente do que queda por andar, e que o camiño de reparación pasa polo coñecemento da verdade, a práctica da xustiza e do perdón. O proceso xudicial iniciado en El Salvador e freado intencionadamente quere determinar quen foron os autores intelectuais da masacre. É curioso que cando no Estado Español se paralizan e obstaculizan procesos da recuperación da memoria, veña este xuízo a impulsar camiños de verdade.

Ignacio Ellacuría, discípulo de Xabier Zubiri, recolleu en Barcelona o premio Fundación Comín outorgado a UCA a primeiros de novembro do 1989. Logo dunha semana e ante o aumento da violencia regresa a El Salvador. Tiña estratexias cara o cese da violencia. A alguén non lle interesou que o teólogo da liberación ganara a partida: a pouco do regreso foi morto. Paga a pena ler o discurso de Ellacuría na recepción do premio, copio unhas frases do que foi o derradeiro discurso do reitor da UCA:

“Non só traballamos en formulacións teóricas, tamén traballamos cara a cara, boca a boca con uns e outros para tratar de sementar racionalidade en favor das maiorías populares que son inxustamente tratadas... Pídolles a vostedes que como persoas e quizais como organismos oficiais poñan a súa mirada en Nicaragua e en El Salvador e nos axuden.”

Comentarios