A Ribeira Sacra, do 'remanso' de paz e harmonía á "autoestrada fluvial do Miño"

Na contorna de Belesar inzan os embarcadoiros privados, que, segundo denuncia a veciñanza, "rouban moito espazo ao río" (Foto: Nós Diario).
Inzan as embarcacións a motor no río Miño ao seu paso pola Ribeira Sacra, circulando a "gran velocidade" e deixando verteduras na auga, alén da contaminación acústica. "Están a alterar os biorritmos da fauna salvaxe e da propia poboación autóctona. En 39 anos nunca vira algo así, esta non é a miña aldea", denuncia unha veciña a 'Nós Diario'.

"Lugares impoñentes con fermosos mosteiros que durante séculos, afastados do mundanal ruído e ao abeiro do clima benigno destas terras, dedicaron o seu tempo e a súa sabedoría a honrar Deus e os homes estudando os segredos da vide". Con estas palabras convida a Xunta, a través da web de Turismo da Galiza, a visitar a Ribeira Sacra. A idea deste territorio como un "remanso de paz e tranquilidade" foi tamén a que vertebrou a falida candidatura a Patrimonio da Humanidade, así como a da recentemente aprobada Reserva da Biosfera.

Porén, esa imaxe idílica está hoxe afastada da realidade, segundo denuncia a Nós Diario veciñanza da zona. "Teño 39 anos, nacín e medrei aquí, e nunca vira algo así. O río sempre estaba tranquilo e era un espazo moi puro, con moitos corzos, parrulos e raposos cruzando polas beiras", lamenta unha veciña, que nos últimos dous anos advertiu un "notábel incremento" do tráfico no río.

"Todo comezou cando trouxeron o catamarán, que ao transportar máis xente e circular a pouca velocidade non causa tanta molestia, mais agora inzan novos negocios de turismo e embarcacións privadas que están a converter o espazo na autoestrada fluvial do Miño", afirma.

Esta veciña, que prefire non dar o seu nome, dirixiuse en máis dunha ocasión ao Concello de Chantada, á Xunta e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil "só para pedir que moderen a velocidade", xa que as lanchas circulan "demasiado rápido" e impiden calquera outra actividade no río, mais a súa petición non tivo resposta. "Xa non é seguro bañarse", cuestiona.

"Estas embarcacións verten aceite ao río e alteran os biorritmos tanto da fauna salvaxe como da veciñanza, alén do considerábel impacto acústico, xa que se poden percibir en toda a cunca", explica.

A contorna do encoro de Belesar é das máis afectadas por este novo modelo de turismo: "Están a construír numerosos embarcadoiros privados que rouban moitos metros ao río. Hoxe hai máis dunha vintena de lanchas e fan imposíbel a convivencia. A xente está aterrada, mais tamén ten medo de alzar a voz porque moitos son persoas maiores e non queren problemas, só vivir en paz".

Aposta polo ecoturismo

Alén do inzamento de grandes negocios "froito da colonización capitalista" da zona, esta veciña asegura que a poboación local "tamén ten iniciativas" para fomentar un turismo "ecolóxico e sostíbel", como os "ecopaseos pola Reserva da Biosfera", que "poderían ter un atractivo enorme para a xente que busca ese tipo de turismo rural, tranquilo e respectuoso".

"Aínda estamos a tempo de reconverter o turismo nunha actividade respectuosa cos valores tradicionais da Ribeira Sacra; se non, con este modelo turístico, acabaremos sendo unha nova Marbella", censura.

Así mesmo, critica que a Administración venda "unha imaxe totalmente errónea do que en realidade é hoxe a Ribeira Sacra". "Que plan ten a Xunta? Isto nin é sostíbel, nin é ecolóxico, nin é a nosa Ribeira Sacra. De seguir así, a xente verase obrigada a deixar as súas casas e este espazo perderá por completo a súa esencia, que é o que a caracteriza", alerta.

"Isto só mudará se hai unha traxedia"

O escritor, contacontos e barqueiro Anxo Moure leva anos navegando as augas do Miño e o Sil no seu "batuxo pedagóxico", unha experiencia de narración oral a través do río destinada a un público infantil e familiar.

"A barca tradicional é a única ferramenta real de descarbonización fluvial. Síntome completamente agredido pola velocidade á que circulan as lanchas e as ondadas que provoca. Cando levo rapaces a bordo teñen medo de que pase algo, e eu tamén. Mais, tristemente, penso que isto só mudará cando se produza unha desgraza", sinala a este xornal.

Aliás, Moure denuncia ataques ás súas embarcacións: "Non é a primeira vez que me rouban os remos".