O reto de desconfinar o barrio con maior densidade poboacional da Galiza

Rúa Barcelona, no barrio da Agra do Orzán, A Coruña (Imaxe: Olaia Tubío)
Veciñas do barrio coruñes da Agra do Orzán, un dos que acumula a maior densidade de poboación do Estado e de Europa, explican o día a día do seu desconfinamento. "Xa era difícil camiñar normalmente", asegura unha delas.

O barrio coruñés da Agra do Orzán caracterízase pola súa multiculturalidade e mais pola alta densidade da súa poboación. Neste espazo de menos de medio quilómetro cadrado conviven case 30.000 veciñas e veciños. O barrio alberga máis habitantes que os municipios de Culleredo ou Sada e case tantos como o de Oleiros.

Xa era difícil camiñar normalmente, asegura Marisol Mirás

Cunhas rúas estreitas e beirarrúas cativas, as medidas de distancia física recomendadas durante o desconfinamento semellan "ciencia ficción" na Agra do Orzán. Así as cualifica Marisol Mirás, secretaria da asociación veciñal: "Xa era difícil camiñar normalmente, quen leva carriño de bebé ou de ir mercar ten que pedir o ceda o paso".

Da parede ao edificio

A Agra do Orzán é filla do urbanismo dos anos 60 e 70. "Como a maior parte dos barrios que foron medrando nesa época, a Agra conta con carencias moi graves en canto á calidade urbana", conta Daniel Grandío, técnico superior en proxectos urbanísticos e operacións topográficas e veciño da Coruña. Eivas agravadas polo tránsito de vehículos que suman as chamadas roldas de Nelle e do Outeiro.

A primeira onda de veciñas chegou do rural e máis recentemente poboación emigrante desembarcou atraída polo baixo prezo da vivenda. "Ao termos as rendas máis baixas, con moitos traballos non cualificados, os horarios tamén son peculiares, sempre hai xente pola rúa", explica Raquel, veciña do barrio.

Os horarios son pecualiares, sempre hai xente pola rúa no barrio, conta Raquel

Orfas de espazos verdes e, para desviar a vista do ladrillo, as veciñas descenden até o paseo marítimo, até o parque de Santa Margarida ou até o paseo das Pontes. Quen non pode desprazarse, for por idade for por problemas de mobilidade, fica na rúa Barcelona, a única peonil, ou na praza das Conchiñas. Ambas contan con bancos para descansar, mais foron orientadas ao consumo en tendas e bares.

"A quen máis necesidade ten de pasear, doentes ou maiores, resúltalle difícil chegar a un sitio no que estar tranquilo. Hai que andar con catro ollos porque cruzas con outras persoas a unha distancia moi pequena", reflexiona Marisol Mirás. Desde hai anos, a veciñanza exixe o acondicionamento dun parque nos terreos do observatorio meteorolóxico.

Axuda entre veciñas

A falta de opcións para camiñar devagar na Agra do Orzán non se limita ao público e compartido. "Moitos edificios son vellos, cunha distribución moi mala, sen luz solar", explica Raquel, veciña do barrio. Porén, non todo son desvantaxes. "Hai moito comercio local, algúns de moita calidade, que non envexan as grandes superficies comerciais", conta Xosé Manuel Sánchez. Tamén vida, moita vida e un forte tecido entre as veciñas.

Hai moito comercio local, algúns de moita calidade, que non envexan as grandes superficies comerciais, di Xosé Manuel Sánchez

Raquel é unha das voluntarias dos Grupos de Apoio Mutuo xestados na cidade para axudar as persoas en situación vulnerábel a raíz da emerxencia sanitaria do coronavirus. O grupo de voluntarias da Agra, o barrio coas rendas máis baixas do concello da Coruña, foi o que máis peticións atendeu.

Cuns servizos sociais locais desbordados pola crecente demanda asistencial, o GAM foca os seus esforzos en cubrir as peticións máis urxentes e inaprazábeis. "Recibimos doazóns económicas de veciños e despois achegámolas a quen as precise", engade esta veciña e voluntaria.