A rede veciñal de apoio da Coruña chegou a máis de 5.000 persoas

Deseños das máscaras para nenas e nenos que cosen as voluntarias dos Grupos de Apoio Mutuo da Coruña (Imaxe: GAM Coruña).
As súas voluntarias achegan alimentos e outros produtos básicos a familias vulnerábeis, tecen máscaras caseiras ou apoian ás comerciantes locais do municipio herculino.

Os Grupos de Apoio Mutuo (GAM) naceron nos barrios coruñeses a raíz da chegada da COVID-19 a Galiza e a declaración do estado de alarma. Esta rede de veciñas atende as necesidades de familias vulnerábeis, promove o apoio ás comerciantes locais ou fabrica e reparte máscaras ou gorros de tea para profesionais sanitarias a través de distintos grupos de traballo.

Desde a súa porta en marcha, os GAM atenderon arredor de 5.000 veciñas e veciños do concello herculino. Das súas actuacións dan conta a través dun comunicado no que salientan que a pandemia "está a aumentar a situación de precariedade de moitas familias". Este tecido de axuda mutua é a resposta da cidadanía.

Nestas semanas de confinamento, as voluntarias atenderon as necesidades alimentarias, de cueiros ou butano de case un centenar de familias. Ao tempo, colaboran con máis de 55 estabelecementos comerciais locais, unha iniciativa para apoiar ás comerciantes e “evitar aglomeracións nos supermercados”.

Outra das súas actividades céntranse en procurar solucións ao problema da vivenda para inquilinas con dificultades para pagar o alugueiro. Se ben o Goberno español anunciou liñas de axuda para as arrendatarias en condición vulnerábel pola COVID-19, os préstamos aínda non foron pactados co Instituto de Crédito Oficial (o ICO) nin as liñas de axudas dos Gobernos territoriais consensuadas coas correspondentes Administracións.

Coser na casa

Un dos grupos dos GAM, Cose na Casa, está a traballar na confección de máscaras caseiras de tea. Máis de 3.000 foron repartidas e entregadas e entidades, residencias de maiores, comercios locais, farmacias ou familias en situación vulnerábel. Ademais, teceron gorros para o persoal sanitario do Complexo Hospitalario da Coruña.

A maiores, os GAM botou a andar iniciativas de "acompañamento emocional" durante o acompañamento, que xa chegaron a máis de cen persoas.