Sentinelas do novo coronavirus nas augas residuais da comarca da Coruña

Análise das augas residuais que chegan á estación de Bens.
Un estudo científico confirma a presenza de SARS-CoV-2 na EDAR de Bens. Os niveis de material xenético do novo coronavirus descenden desde mediados de abril e non chegan ao mar.

A mediados do mes de abril, un equipo multidisciplinar, integrado por profesionais das matemáticas, a informática, a enxeñaría, a química e a microbioloxía, iniciou un proxecto na comarca da Coruña para detectar a presenza do novo coronavirus nas augas residuais procedentes dunhas 450.000 persoas.

"Estamos actuando de sentinelas da epidemia nos cinco concellos que depuran as súas augas residuais na EDAR de Bens: A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros", explica a Nós Diario Marga Poza, directora científica da investigación. "Queremos coñecer a evolución da pandemia entre a poboación da comarca.

Niveis de coronavirus

Para iso, deseñamos un estudo no que recollemos unha serie de mostras cada día, tanto na estación de Bens como en diferentes puntos da rede de saneamento da comarca. Procesamos esas mostras e determinamos a cantidade de virus que hai en cada unha delas", detalla.

A investigación vaise prolongar até o outono. Con todo, despois de 20 días de mostraxe, o equipo científico acaba de ofrecer os seus primeiros resultados. "De entrada, probamos que si se pode detectar o SARS-CoV-2 nas augas residuais, de feito, confirmamos a súa presenza nas augas que chegan á depuradora de Bens. Agora estamos avaliando a evolución da cantidade de virus, e o que constatamos é que os niveis van descendendo", sinala Poza.

Alerta de novos brotes

As previsións coas que traballa o seu equipo apuntan que as doses de material xenético do novo coronavirus seguirán minguando. "É bastante improbábel que cheguen a cero pero si a niveis moi baixos, practicamente indetectábeis", precisa a microbióloga do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), quen defende a importancia deste tipo de estudo epidemiolóxico, complementario dos que buscan coñecer a seroprevalencia da COVID-19.

"Os tests epidemiolóxicos son esenciais, pero tamén a análise das augas residuais. Os tests recollen mostras dunha porcentaxe da poboación ao azar. Nós estudamos toda a poboación, xa que as mostras proceden das augas residuais das 450.000 habitantes da comarca, mesmo das persoas que pasaron a enfermidade sen sabelo", recalca Marga Poza. 

Se comeza a aumentar a carga viral nas augas residuais, poderiamos rastrear a rede de saneamento  e chegar a onde está o foco.

Para a investigadora do Inibic, este proxecto ten moitas posibilidades e esténdense cara ao futuro. "Poderiamos detectar un posíbel rebrote. Se comeza a aumentar a carga viral nas augas residuais, poderiamos rastrear a rede de saneamento, descartar as mostras que dan negativo e chegar a onde está o foco de coronavirus con bastante precisión".

Neste sentido, Poza e o seu equipo aspiran desenvolver un modelo matemático que lles permita predicir esas subas de contaxios e mesmo a porcentaxe de poboación infectada nun momento determinado, en función da cantidade de virus detectado. "De momento non podemos ofrecer unha cifra concluínte. Necesitamos tempo e datos moi precisos, desde sanitarios até meteorolóxicos, para elaborar unha curva que nos permita dicir canto circulou o virus e canta poboación entrou en contacto con el". Se ben, engade a invetigadora, todo apunta a que foi baixa.

A carga viral das augas residuais non chega ao mar

Após confirmar a presenza de material xenético de SARS-CoV-2 na rede de sumidoiros da comarca da Coruña, queda por determinar a integridade do virus e a súa capacidade infecciosa nas aguas residuais. É de esperar que non sobreviva moito tempo neste medio e que deixe de ser viábel, mais aínda non hai evidencias. Con todo, o equipo científico vén de confirmar que a planta depuradora retén o virus antes de verter a auga ao mar, polo que non hai ningún perigo.