As residencias de maiores suman 51 falecementos na segunda vaga da Covid

Persoas portan un número por cada falecido nas residencias de Domus Vi en Barreiro e Aldán (Nós Diario)
Desde o mes de agosto o número de contaxios nestes centros medrou paulatinamente, con brotes detectados nos centros de El Pinar, en Culleredo, DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, ou O Incio.

A pandemia da Covid-19 colocou no foco os centros residenciais. A preocupación que espertaba que a enfermidade chegase ás persoas residentes, moitas delas nun estado de saúde fráxil, sumouse ás denuncias de familiares duns centros que, aseguran, arrastran problemas estruturais. Entre eles a falta de persoal, que tería dificultado que afrontasen a rápida escalada dos contaxios nuns centros nos que conviven até 150 maiores.

Na primeira vaga, a rede residencial chegou a detectar até 1.012 casos activos a mediados do mes de abril, mentres que o persoal rexistraba 424 positivos. As residencias que máis contaxios acumularon foron as de xestión privada, caso das da multinacional DomusVi. Neses meses notificáronse 277 falecementos, 44% do total relacionados coa Covid-19. Onte, o total situábase en 325.

Segunda vaga

A segunda onda da pandemia na Galiza volveu introducir a enfermidade nos centros de maiores. Foi en agosto cando se comunicaron novos contaxios, cun ritmo máis lento do da primeira vaga, mais condicionado polos gromos nalgúns centros. O 17 dese mes permanecían activos 8 casos entre os residentes, mentres que o día 27 ascendían a 99. Na xornada de onte, situábanse en 309.

Ao longo desas semanas, a Xunta viuse obrigada a intervir tres residencias, tras tutelar outras tres na vaga anterior. Entre elas, a do Incio e mais a de El Pinar, no concello de Culleredo. O terceiro centro baixo control da Xunta é DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei. Onte o centro informaba de 133 positivos entre os usuarios. Nesa xornada un dos residentes faleceu. Foi o quinto deceso nesta residencia, a terceira da multinacional intervida pola Administración galega.

En total, 51 residentes faleceron nesta segunda vaga. Entre o 1 de agosto e o 1 de outubro Sanidade notificou 14 decesos nos propios centros de maiores e 37 en hospitais ou residencias integradas, como denomina a Administración galega a aquelas nas que residen maiores contaxiados da Covid-19. Unha decisión que cuestionou a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría a comezos de abril, criticando que non se derivasen os doentes á rede hospitalaria. 

Debate parlamentar

Durante a primeira vaga do coronavirus intensificáronse as protestas de asociacións de usuarios e familiares de residentes. "O que nos doe é a falta de medios, a falta de prevención. Os números son incontestábeis como para non dicir que a xestión foi boa", asegura Javier Quián, sobriño dunha usuaria, a Nós Diario, referíndose a unha misiva da directora de DomusVi San Lázaro, centro no que faleceron 52 residentes.

Paralelamente, as forzas políticas reclamaban a comparecencia do presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, para que explicase a xestión das residencias. Partidos e colectivos de familiares criticaron a Administración galega pola súa falta de control sobre a rede residencial.

Nesta segunda vaga, as forzas da oposición poden fiscalizar a acción do Executivo galego, rexistrar preguntas ou propor mocións. Porén, na cuestión das residencias topan coa maioría absoluta do Partido Popular. O 22 de setembro o PP rexeitou a proposta do BNG de artellar unha comisión de investigación que avaliase a xestión das residencias ante a Covid-19. O partido no Goberno alegou o "fracaso" de comisións pasadas nas que non se alcanzou consenso e fechou a porta á proposición de mudala por unha de estudo. 

Críticas das familias

A decisión do PP espertou malestar na federación de familiares e usuarias de residencias REDE. Os seus integrantes sinalaron nunha concentración que "mentres que só 3% das persoas maiores do país viven en residencias, producíronse nelas 45% dos falecementos rexistrados por coronavirus" e reclamaron un modelo asistencial público.

"Estamos en protesta porque esta pandemia puxo de manifesto o que viñamos denunciando desde hai tres anos: a mala calidade asistencial que teñen as residencias de maiores na actualidade na Galiza", declaraba a este medio Xosé Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE o pasado 26 de setembro.