martes 27/10/20

O PP impide investigar a xestión das residencias durante o pico da pandemia

O PP levou a cabo no Parlamento o seu anunciado bloqueo á creación dunha comisión de investigación sobre a xestión das residencias de maiores durante a primeira vaga da pandemia, a pesar das 317 defuncións rexistradas neses centros e dos 271 residentes contaxiados na actualidade.
A suma de votos do BNG e PSdeG non foi suficiente para lograr a creación da comisión de investigación no Parlamento galego (Imaxe: Nós Diario)
A suma de votos do BNG e PSdeG non foi suficiente para lograr a creación da comisión de investigación no Parlamento galego (Imaxe: Nós Diario)

A creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego sobre a xestión da crise vivida nas residencias durante o inicio da pandemia ocupou a primeira votación en sesión plenaria desta XI lexislatura. Mais polo de agora non verá a luz, pois o Partido Popular rexeitouna esta terza feira, 22 de setembro, exercendo a súa maioría absoluta na Cámara. A proposta foi presentada polo Bloque Nacionalista Galego e recolleu 33 votos a prol (os dos escanos nacionalistas e socialistas) e 41 do PP en contra. 

O portavoz popular, Pedro Puy, xustificou o seu 'non' tirando do "fracaso" de comisións pasadas ao non frutificaren consensos nelas. Ao tempo, contrapúxoas  coas comisións de estudos, mencionando a da vaga de lumes forestais de 2017, que concluíu nun informe e medidas a implantar.

Ante esa argumentación de Puy, a portavoz nacional do BNG e líder da oposición, Ana Pontón, ofreceu unha proposta alternativa: a creación dunha comisión de estudo para abordar precisamente "o drama das residencias" afirmando que “se para o PP o problema é que poña comisión de investigación, emprazámolos a crear unha de estudo sobre o que pasou e na que abordemos o cambio de modelo" porque, segundo esgrimiu, o menos relevante é o nome que teña o organismo e "o que importa é dar unha resposta ás familias neste asunto de tanta gravidade”.

Pontón proseguiu criticando "a incapacidade" do Goberno de Alberto Núñez Feixoo ante a “zona cero” en que se converteron os centros xeriátricos desde a pandemia, "reaccionando tarde, mal e con decisións incomprensíbeis como a de non derivar todas as persoas afectadas en residencias a hospitais". A nacionalista engadiu que eses erros "repítense nesta segunda onda, con contaxios masivos e vítimas mortais".

O cambio de modelo residencial é unha prioridade para a formación nacionalista. "A Covid-19 demostrou con total crueza que a Galiza ten que mudar radicalmente o actual sistema de coidados das persoas maiores, maioritariamente privatizado, en que  o dereito a unha vellez digna é obxecto de negocio para un puñado de empresas, algunhas delas mesmo controladas por fondos de investimento ou fondos voitre”, alegou Pontón.

Como mostra desas corporacións, a nacionalista puxo como exemplo a empresa DomusVi. "As residencias deste grupo foron das máis afectadas, todas e todos sabemos que pasou no centro de DomusVi San Lázaro (Santiago), no Barreiro (Vigo), en Aldán (Cagas) ou en Outeiro de Rei, con centos de persoas contaxiadas, atinxindo ás veces até 80% de residentes e persoal”.

O PSdeG pide unanimidade

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, advertiu de que "é unha débeda moral" coas familias activar a comisión de investigación. "Se non honramos as e os nosos maiores, perdemos a dignidade como país", sentenciou.

Así pois, apelou á “unanimidade” da Cámara nun “momento crítico” como o que vivimos desde a chegada do coronavirus, e requiriu Feixoo a “levantar o veto” sobre a creación deste órgano, instándoo a “amosar que ten vontade de acordo”. O  Partido Socialista, sen representación parlamentar suficiente para solicitar a creación de comisións de investigación, optou por conformala por medio da presentación dunha proposición non de lei na Cámara. 

A crise nos xeriátricos

Tanto Pontón como Caballero  aproveitaron as súas intervencións para solidarizarse coas familias que perderon os seus seres queridos na Galiza a causa da pandemia e subliñaron que 45% dos falecementos polo virus correspondeu con persoas usuarias de residencias de maiores. 

De feito, segundo os datos publicados polo Sergas esta terza feira, das 721 defuncións acontecidas na Galiza desde a chegada do coronavirus, 317 corresponden cos centros xeriátricos. Aliás, hai 271 maiores infectados en residencias e 116 casos entre o persoal.

O PP impide investigar a xestión das residencias durante o pico da pandemia
comentarios