As residencias da Mariña restrinxen as visitas polo brote na comarca

Os centros de maiores da comarca da Mariña volven restrinxir as visitas a unha semanal (Imaxe: Europa Press).
As autoridades sanitarias decidiron que os centros retrocedesen á primeira fase do plan de reactivación das residencias após o brote detectado na comarca, con once casos positivos. A Deputación de Lugo anunciou que tamén o farán os centros da Fonsagrada e de Pol.

A nai de Manuel López é usuaria dunha residencia de maiores na área sanitaria de Lugo, Monforte e a Mariña. O seu fillo recibiu hoxe unha chamada do centro, na que lle explicaron que este debía retroceder de novo á primeira do plan de reactivación das residencias deseñado pola Xunta da Galiza. “Vólvense restrinxir as visitas a unha por semana, eu xa pedira permiso para ir ver a miña nai”, conta López. Esta medida, segundo indican fontes da Consellaría de Política Social a Nós Diario, esténdese a todos os centros residenciais da comarca.

Trátase dunha medida de precaución, salientan desde Política Social, solicitada polas autoridades sanitarias ás residencias da Mariña. Estas fontes destacan que se trata dunha decisión “puramente preventiva, pois neste momento non hai ningún caso detectado nos centros”. “Desde que entrou en vigor o plan de reactivación das residencias, na altura na que Galiza pasou á segunda fase do desconfinamento, non se tomara unha decisión similar que afectase todas as residencias dunha determinada zona”, din.

A Deputación de Lugo, titular dos centros de Ribadeo ou Trabada, anunciou que tamén as residencias de Pol e da Fonsagrada tamén retrocederán a primeira fase do protocolo da Xunta. "Cremos que debe primar a prudencia e a anticipación sempre que estea ao noso alcance, por iso tomamos esta decisión para minimizar o risco de contaxio e protexer ós nosos maiores", explicou nun comunicado o peputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

Nestes intres, segundo as probas realizadas esta quinta feira, na Mariña confírmanse outros tres casos positivos de persoas afectadas por COVID-19, o que eleva a 11 o número total do brote inicial detectado en Xove pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

Ademais das restricións das visitas a unha semanal da familiar ou persoa de referencia, o protocolo permite ás residentes pasear pola contorna do centro se este conta con espazos verdes, mais non abandonalo. Tamén están permitidas as actividades individuais e en grupo con dez integrantes como máximo, sempre que garden as distancias de seguridade e mais a hixiene de mans. O plan recolle que cada etapa terá unha duración mínima de quince días.