Unha residencia da área sanitaria máis afectada, punto de partida da vacinación da Covid na Galiza

En Estados Unidos, Reino Unidou ou Rusia xa comezaron as campañas de inmunización. O 21 de decembro a Axencia Europea do Medicamento autorizou o uso da vacina na UE (Imaxe: Europa Press).
O domingo, 27 de decembro, Galiza recibirá as primeiras 500 doses das vacinas da Covid-19. A Xunta destinaráas a un centro de maiores nun dos concellos coa máis alta incidencia da enfermidade. A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría aplaude a campaña mais sinala a súa premura. Coinciden con persoal dos centros en que a Administración galega debe achegar máis información sobre o fármaco para despexar as dúbidas de maiores e persoal traballador. 

O domingo, 27 de decembro, Galiza recibirá as primeiras doses da vacina, un total de 500. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, explicou onte que se dispensarán nunha residencia correspondente a área sanitaria de Compostela e O Barbanza, que presenta unha incidencia máis elevada da Covid-19. As autoridades de Sanidade e Política Social serán as que escollan o centro.

"Considerando que só son 500 doses e que temos que reservar a metade para as persoas que vacinamos coa primeira, entendemos que chegarán aproximadamente para unha residencia da área de Santiago", sinalou na rolda posterior ao Consello da Xunta en resposta a preguntas dos medios de comunicación.

Na segunda feira, segundo adiantou o Sergas, Galiza recibirá 18.000 doses, que comezarán a ser administradas na terceira feira nas residencias. Nas sucesivas segundas feiras chegarán novos lotes. "

"Na Galiza hai arredor de 750.000 persoas maiores de 65 anos, polo que precisamos millón e medio de vacinas", explicou Núñez Feixoo, puntualizando que a Xunta defenderá "que o criterio de reparto do Estado sexa polo número de persoas maiores nas comunidades. 

A pegada nas residencias

A pandemia non tivo unha pegada tan forte na Galiza como noutros puntos do Estado español. Porén, na primeira vaga faleceron 272 anciáns e anciás procedentes de xeriátricos tras contraeren a doenza, 44% do total de defuncións no país pola Covid entre marzo e xullo.

Na segunda vaga, o número de pasamentos nas residencias xa superou aos da primeira, con 294 anciáns e anciás falecidas até o 22 de decembro após enfermaren da Covid-19. Nos pasados meses a Xunta viuse de novo obrigada a intervir até seis xeriátricos despois de que se notificasen importantes gromos que afectaban a maior parte dos usuarios e usuarias.

A nivel estatal, o consello interterritorial que reúne as Administracións territoriais e mais a estatal acordaron primar as usuarias e usuarios dos centros residenciais nos plans de vacinación, en vista a protexer a esta poboación especialmente vulnerábel. Con este obxectivo tamén se procura reducir os ingresos en centros hospitalarios.

Plan de vacinación

A pasada sexta feira, o líder do Executivo galego garantía que o proceso de vacinación arrancaría "ás 24 horas" de chegaren as primeiras doses. Esta semana, a Xunta reuniuse coas sociedades científicas do eido sanitario para trasladar o seu plan de vacinación, logo de comunicarllo aos sindicatos con representación na mesa sectorial. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembrou que se contará cun equipo "de máis de 200 profesionais de enfermaría para coordinar a campaña". "O obxectivo será vacinar, nun primeiro estadio 40.000 cidadáns", agregou.

Comesaña volveu explicar que colectivos considerados prioritarios serán os primeiros en ser inmunizados. Entre eles están os arredor de 22.000 usuarios e usuarias das residencias de maiores e de atención de grandes dependentes ademais dos case 17.000 profesionais destes centros. Os colexios de Enfermaría e Medicina concordaron co plan, se ben o segundo solicitou reforzar os cadros de Atención Primaria para substituír os profesionais que se encargarán de administrar as vacinas. 

Como será o proceso?

As doses que se reciban serán almacenadas nun único punto en Santiago de Compostela. Desde ese punto trasladaranse as doses que vaian empregarse. No caso das residencias, na primeira fase, levarase a cabo unha programación diaria. A súa chegada aos centros o equipo de enfermaría voluntario comprobará que sexan recibidas correctamente, que se mantivese a temperatura de conservación e administrará as doses.

Cada unha das vacinas estará asignada nominalmente a un ou unha residente. Para isto, estase a elaborar unha listaxe de residentes na que se especificará aqueles que aceptan ser vacinados e quen non. Estes últimos deberán expresar esta decisión por escrito. No momento de administrar a dose rexistrarase a data e o nome da persoa vacinada, que será monitorizada. Pasados os 21 días inxectarase a segunda dose, necesaria para garantir a inmunidade.

A maiores, incluirase na historia clínica de cada persoa un certificado de vacinación que poderá solicitarse, ademais dun 'código vacina' que permitirá activar ao 061 en caso dalgún tipo de incidencia ou reacción secundaria. Algunhas das habituais son a dor na área da punción, dor de cabeza ou malestar temporal. As persoas expertas sinalan, en todo caso, que a vacina é totalmente segura. 

Máis información

A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría amosou onte a súa satisfacción coa campaña de vacinación nun comunicado após unha reunión coa Consellaría. Entre outras cuestións, recalcou "a importancia de que os traballadores que están en atención directa con persoas maiores se vacinen". Non obstante, considera que a chegada das vacinas da Covid-19 e o inmediato comezo da campaña é "un pouco precipitado por parte das autoridades sanitarias".

Os xeriatras galegos comprenden a urxencia das Administracións públicas, habida conta da pegada da enfermidade nos usuarios e usuarias das residencias, mais consideran que cómpre achegar "máis información sobre o fármaco para tranquilizar as persoas maiores que o van recibir, as súas familias e, por suposto, o persoal dos centros".

Se queres saber máis atoparás o contido completo no Nós Diario que agarda no quiosque ou na tenda online. Para futuros despistes, é mellor que te subscribas xa!