Covid: A Atención Primaria non se ve preparada para a vacinación masiva

O doutor Armenteros, voceiro da organización. (Foto: Europa Press)
A Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia lembra que nos meses de convivencia coa pandemia non se reforzaron os cadros de persoal nos centros de saúde.

A tres días do comezo da campaña de vacinación na Galiza, e no resto de Europa, a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) afirma que a situación actual non é a axeitada para afrontar a prevista vacinación masiva.

O voceiro desta entidade, o doutor Lorenzo Armenteros, explica que ante “unha teórica vacinación masiva” da poboación do Estado español os servizos de Atención Primaria “non estarían preparados”.

As e os facultativos defenden esta realidade porque esa primeira liña de defensa sanitaria “non se reforzou” con máis persoal, a pesar de levar varios meses convivindo coa Covid-19.

“Seguimos na mesma situación que tivemos ao longo de toda a pandemia. Non se realizou ningún reforzo en canto ao persoal”, subliña.

Malia que en opinión da institución é unha boa estratexia traballar nos centros de saúde porque as doses “teñen unhas condicións particulares de conservación”, insiste nesa falta de “persoal” para afrontar unha campaña que abranga ao total da poboación.

Lugares ventilados e con pouca manipulación de elementos

Respecto das ceas desta noite e das festas e encontros que van decorrer nos próximos días, Armenteros recomenda que se elixan “lugares que se poidan ventilar cada certo tempo para que o aire circule dunha forma activa”.

Ademais, como medidas de precaución pide que só unha persoa monte a mesa e se encargue de servir a comida, de forma que se “manipule o menos posíbel calquera elemento”, incluído o menú. O hidroxel e a máscara deben estar á man.