Renfe retoma a conexión da Galiza con Euskadi o 11 de xaneiro

Imaxe de arquivo dun tren. (Foto: Renfe)

Os asentos para este itinerario de ferrocarril, que terá servizo a través de enlaces de Alvia, puxéronse á venda hoxe mesmo. A liña conectará A Coruña, Vigo e Ourense co País Vasco.

A operadora ferroviaria Renfe recuperará un dos seus servizos na Galiza dentro dunhas semanas. Trátase da conexión de tren que unía as cidades da Coruña, Vigo e Ourense con Euskadi.

A compañía viña recibindo moitas críticas no país pola supresión de frecuencias e servizos desde o confinamento e, malia que hai oferta por retomar, polo momento parece que os enlaces do Alvia permitirán unha maior mobilidade entre a Galiza e o País Vasco.

En concreto, esa liña será habilitada a partir de enlaces co Alvia que viaxa entre Galiza e Barcelona. En consecuencia, haberá paradas na Coruña, Vigo e Ourense que logo darán unha dupla posibilidade: seguir cara Catalunya ou baixar do primeiro tren en Miranda do Ebro e Vitoria, facendo transbordos até Bilbao e Irún.

En paralelo se fornecerá un servizo a localidades intermedias como Burgos, León ou Palencia.

A novidade non será real até o 11 de xaneiro pero os billetes comezaron a venderse hoxe mesmo, segundo explica Renfe nun comunicado.

Case un ano despois

Segundo fontes da operadora, coa nova tempada o traxecto entre Galiza e Euskadi decorrerá por un tempo menor. Entre 30 e 48 minutos menos dos que tardaba o Intercity, que quedou suprimido en marzo pola corentena e que regresa á programación case un ano despois.

Agora haberá que agardar novidades dentro do país, mais de momento as críticas e queixas das usuarias e usuarios non xurdiron efecto. Renfe limítase a destacar que, no caso desta reposición de ferrocarrís, ofrece pases combinados para “incrementar o conxunto de solucións de viaxe dispoñíbeis”.