Renfe négase a retomar as frecuencias que retirou con motivo da pandemia na Galiza

A operadora só recuperará servizos "na medida que a demanda o vaia pedindo". Por exemplo, de momento non mellorará as conexións no eixo ferroviario entre A Coruña e Vigo. Só se prestan o 65% dos servizos de media distancia que había antes da pandemia. Esta circunstancia dase a pesar das múltiples queixas producidas nas estacións galegas polas modificacións de horarios.
tren, renfe, estación compostela
photo_camera Vista da estación de tren de Compostela, coas obras da intermodal ao fondo. (Foto: Nós Diario)

A operadora Renfe pensa manter anulados aqueles servizos de tren que suprimiu na Galiza durante o estado de alarma decretado pola Covid-19. A empresa advirte que só os recuperará "na medida que a demanda o vaia pedindo". Así, de momento non se teñen escoitado as demandas de moitas usuarias do país ao respecto da falta de conexións adaptadas ás necesidades reais de desprazamentos.

A decisión foi ratificada por fontes da operadora ferroviaria a Europa Press, após que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, trasladase esta semana a queixa da Xunta por este asunto ao ministro de Transportes, José Luís Ábalos.

Fíxoo durante a conferencia nacional na que este último presentou unha estratexia de mobilidade segura. Xunto a Vázquez, responsábeis de distintas zonas do Estado español trasladaron o mesmo malestar pola supresión de trens.

Trala eliminación de servizos coincidindo coa declaración da emerxencia sanitaria, a operadora asegura que non houbo cambios desde o 16 de agosto, cando puxo en servizo dous trens Celta, un por sentido, entre Vigo e O Porto.

Moitas desaparicións das pantallas

Atendedo aos datos que facilita a propia operadora, na actualidade presta un 65% dos servizos de media distancia en relación cos anteriores á pandemia da covid-19. "Certo que no Eixo Atlántico (A Coruña-Santiago-Vigo), que é a relación con máis demanda, esta porcentaxe é maior e noutras relacións menor", indican.

Porén, os usuarios deste traxecto son dos que máis queixas teñen trasladado nas estacións de Vigo, Compostela e A Coruña pola falta de adaptación dos horarios ás necesidades reais.

No que respecta a servizos comerciais, circulan por agora seis trens Alvia Madrid-Galicia diarios (tres por sentido), dous Alvia Barcelona-Galicia ao día (un por sentido), dous Interccity Vigo-O Porto (tamén un por sentido) e non hai oferta de tren hotel nin a Barcelona nin a Madrid, nin conexión directa con País Vasco. "Nestes momentos non circulan", di Renfe.

Comentarios