Renden homenaxe a Castelao no 74º aniversario do seu pasamento

Participantes na homenaxe a Castelao no 74º aniversario do seu pasamento. (Foto: Xurxo Lobato)

A fundación que leva o nome do político rianxeiro realizou a tradicional ofrenda floral no Panteón da Galiza

No 74º aniversario do pasamento de Castelao, a fundación que leva o seu nome volveu un ano máis este domingo ao Panteón da Galiza, en Compostela, para renderlle homenaxe.

Ante perto dun cento de persoas, integrantes da Fundación Castelao e da Comisión Executiva deron a benvida ás persoas asistentes e presentaron as intervencións, entre eles a do presidente da entidade, Miguel Anxo Seixas.

Así, durante o acto, realizouse a tradicional ofrenda floral, que este ano correu a cargo do estudo creativo Anaquiños de papel. A cantante e compositora compostelá Najla Shami, filla das culturas galega, arxentina e palestina, encargouse da xa tradicional actuación musical na honra do político, artista e escritor rianxeiro.

Goretti Sanmartín e Anxo M. Lourenzo. (Foto: Xurxo Lobato)

A homenaxe da fundación a Castelao, que contou tamén coa asistencia da alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, e do director xeral de Cultura, Anxo M. Lourenzo, entre outros rematou coa interpretación do himno galego e cunha degustación de chocolate no claustro da igrexa de San Domingos de Bonaval.

A deste domingo foi a primeira homenaxe da Fundación Castelao ao político de Rianxo decorrida no Panteón de galegas e galegos ilustres desde que o Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade, a finais de xuño de 2023, a lei que saca do limbo xurídico este espazo, que será finalmente xestionado por unha fundación na que terá un papel central a Cámara galega, pasando a identificarse como un símbolo da Galiza.

As flores de Castelao

As flores do pano que Castelao deseñou para Pimpinela, a rapaza bonita que tolea cos panos de cores na obra Os vellos non deben de namorarse, escrita na cidade de Nova York tamén estiveron presente en San Domingos de Bonaval este domingo.

Intervención floral de Anaquiños de papel. (Foto: Xurxo Lobato)

O deseño de Castelao inspirou a Anaquiños de papel a idear as flores coas que a Fundación fixo a ofrenda floral a Castelao polo 74 aniversario do seu pasamento.