Concellos da 'raia' reivindican que o paso de traballadores é "máis urxente" que o turismo

O río Miño marcando a fronteira (AECT).
"Hai unha serie de traballadores e traballadoras que non poden acceder aos seus postos de traballo, teñen que percorrer distancias quilométricas e iso é prioritario da apertura xeral que se está a valorar por parte dos Estados", salienta Uxío Benítez.

A Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño, a través do seu director Uxío Benítez, reivindicou esta sexta feira que a apertura de pasos na fronteira con Portugal para as persoas traballadoras transfronteirizas "é máis urxente que a apertura xeral para o turismo".

Benítez, que manifestou está á espera dunha confirmación oficial do Goberno español de se se mantén o 1 de xullo ou será o 22 como inicialmente manifestaron a data para a libre circulación entre ambos países, destacou que ese anuncio, en calquera caso, non é suficiente para solucionar os problemas que vive a cidadanía da 'raia'.

Así, destacou que, independentemente de que se adiante ou non para o turismo a data de apertura das fronteiras entre España e Portugal, "a situación máis inxusta é a do persoal laboral transfronteirizo". "Hai unha serie de traballadores e traballadoras que non poden acceder aos seus postos de traballo, teñen que percorrer distancias quilométricas e iso é prioritario da apertura xeral que se está a valorar por parte dos Estados", explicou.

"Iso é máis urxente, atende a unha realidade imperiosa, que é a do rio Miño transfronteirizo, onde hai Eurocidades nas que hai relación comercial, económica e social a ambos lados moi intensa", insistiu.

O director do AECT subliñou que a apertura dos pasos para as traballadoras debe facerse "de maneira inmediata e gradual", sen agardar até o día 22, e puxo sobre a mesa a posibilidade de que os Estados español e portugués "habiliten incluso a apertura da fronteira en franxas horarias que faciliten a mobilidade laboral".

Ademais, asegurou que os alcaldes e alcaldesas do Alto e Baixo Miño continuarán as mobilizacións se non se dan solucións á situación que se leva reivindicando dende o mes de abril.