Galiza alíase coas eurocidades do Miño para presionar pola reapertura da fronteira

Ponte interfronteiriza sobre o Miño (Xunta)
A AECT Río Miño alerta de colas de até dúas horas no paso de Tui-

A reclamación pola reapertura urxente de pasos na fronteira entre a Galiza e Portugal, impulsada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño, entra nunha nova fase, ante a situación "insotíbel" que sofre a poboación dun e doutro lado, obrigada a cruzar polo único acceso que se mantén aberto desde a imposición das restricións de mobilidade derivadas da crise da COVID-19.

Nunha xuntanza mantida pola agrupación coas eurocidades do Miño, ambas as partes acordaron adoptar "medidas contundentes de protesta" contra o feche. Segundo explica o director da agrupación transfronteiriza e deputado en Pontevedra Uxío Benítez, o territorio do Miño está "afogado" pola existencia deste único paso na fronteira en Tui-Valença, "o que imposibilita o mantemento das intensas relacións socioeconómicas entre ambas as marxes do río".

As fórmulas de presión, que están en estudo, buscarán pór de manifesto de maneira "simbólica e chamativa" o malestar tanto das dirixentes como da cidadanía afectada. Nos vindeiros días convocarase o resto das cidades da "raia" para consensuar as medidas de presión de maneira conxunta co fin de que teñan un maior apoio.

A pasada semana, o director da AECT Río Miño remitiu ao delegado do Goberno na Galiza a solicitude de reapertura, sen que haxa aínda unha resposta frutífera. Tamén realizou en días previos un encontro co secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, quen comprometeu o traslado da protesta polo feche da fronteira á responsábel da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen."

Na reunión de onte participaron, xunto co director e o vicedirector da AECT, alcaldes e alcaldesas dos concellos de Tui, Tomiño e Salvaterra, así como o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira e os vice-presidentes de Valença, e Monção, que amosaron a súa preocupación polos arrodeos de até 200 quilómetros que deben realizar a diario traballadores e traballadoras transfronteirizos para acudir aos seus postos laborais.

As mandatarias consideran que "non é de recibo" que as restricións non se teñan modificado desde o inicio do estado de alarma, "cando era preciso un confinamento estrito e unha restrición clara da mobilidade." 

"A situación agrávase cada vez máis para a cidadanía transfronteiriza, con colas de até dúas horas no paso", denuncian desde a AECT Río Miño, que alertan tamén da falta de coordinación entre corpos policiais.