Os concellos das dúas beiras do Miño claman pola apertura da fronteira

Ponte internacional que parte de Salvaterra de Miño
Os alcaldes e alcaldesas dos doce concellos do Miño galego e do norte de Portugal (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço) acordaron pasar á acción e realizarán esta semana a súa primeira protesta simbólica conxunta para reclamar a “imprescindíbel” e “urxente” apertura dos pasos na fronteira

Era inevitábel pola indignación acumulada na raia e aconteceu. Os alcaldes e alcaldesas dos doce concellos do Miño galego e do norte de Portugal (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço) acordaron pasar á acción e realizarán esta semana a súa primeira protesta simbólica conxunta para reclamar a “imprescindíbel” e “urxente” apertura dos pasos na fronteira.

Na reunión celebrada na noite de onte as e os rexedores acordaron de maneira unánime que "é necesario defender o territorio, ás e aos seus traballadores, empresas e as relacións da cidadanía en xeral fronte ao afogo actual". “Precisamos un balón de osíxeno”, “este é un territorio seguro” ou “hai un grande dinamismo económico que a situación actual fai insostíbel” foron algunhas das frases que se escoitaron no encontro de concellos, no que tamén estivo presente a directiva do AECT Rio Minho.

Agravio comparativo

Alcaldes e alcaldesas, independentemente da súa cor política, decidiron actuar de forma conxunta e unida fronte ao que consideran unha "inxustiza" no tratamento dispensado. Subliñan principalmente o agravio comparativo que existe con respecto a outros territorios doutras rexións e provincias como Extremadura, que xa teñen abertos máis pasos.

“Vese que o goberno autonómico de Extremadura se moveu convenientemente e argumentou a necesidade de permeabilizar a fronteira. Aquí, a pesares de ter argumentos sólidos de relación económica, de que pasaron 200.000 coches polo paso de Tui durante o confinamento... a Xunta non está nin se lle espera”, apuntou o director do AECT, Uxío Benítez. Este lembrou que Núñez Feijóo está na presidencia da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, pero non moveu ficha para defender nin ás empresas nin ás e ós traballadores transfronteirizos, e tampouco accedeu a unha cita cos responsables do propio AECT para solucionar a situación.

“Vemos que para o 1 de xullo hai previsión de apertura para o turismo internacional. Mentres, aquí traballadoras e traballadores teñen que estar a soportar rodeos de máis de 100 quilómetros diarios. Cremos que nos están a tratar como cidadáns de segunda”, afirmou Benítez.

As accións concretas de protesta comezarán de maneira simbólica coa presenza de alcaldes e alcaldesas e presidentes das câmaras portuguesas. Non se descartan novas mobilizacións coa implicación da cidadanía, xa que as e os mandatarios apostan por radicalizar as accións de manterse a situación.