Educación

A reforma da selectividade, sen consenso

O obxectivo da futura 'proba de madurez' é "acabar coa anguria" dos momentos previos á Abau, afirman desde o Goberno estatal. (Foto: Arxina)
A reforma radical da selectividade que prepara o Goberno estatal xera múltiples críticas por parte da comunidade educativa, que lamenta a ausencia de diálogo e cuestiona se o modelo que se propón será o axeitado para regular o acceso do estudantado galego á universidade.

Curso novo, regras novas. O Ministerio de Educación traballa nunha reforma radical da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), coñecida antano como selectividade, que non deixa ninguén indiferente. Sucédense as críticas desde diferentes sectores da comunidade educativa, principalmente, pola falta de negociación deste borrador.

"A pasada semana tivemos unha xuntanza da Mesa Sectorial e non se nos advertiu desta proposta. Se ben aínda é un borrador, vemos como o Ministerio toma unha decisión desprezando inicialmente a voz do profesorado e as familias, só escoitou as comunidades autónomas", lamenta, en conversa con Nós Diario, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, que fai unha valoración inicial do documento cualificándoo de "despropósito" pola forma na que se presenta.

Precisamente, esta segunda feira a ministra, Pilar Alegría, anunciou que en setembro crearán os grupos de traballo para estabelecer o "deseño e corrección" da futura Abau xunto aos Gobernos territoriais e universidades. "É só un documento de traballo e recolleremos as achegas", dixo.

Mais na mesma liña que Bermello apunta o presidente da Confederación de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, que advirte que o feito de presentar un borrador sen negociación previa é algo "ao que comeza a acostumarnos" un Ministerio "que non ten competencias pero se empeña en telas", dado que a Educación é unha responsabilidade transferida aos Gobernos territoriais: "Debe determinar liñas xerais, non pode avanzar tanto como o fai sistematicamente. Mais é o que temos, e non hai demasiada protesta tampouco por parte da Xunta".

Unha proba xeral para avaliar todas as destrezas

A reforma será gradual, polo que entre os cursos 2023-24 e 2025-26 producirase unha "transición" do actual modelo ao novo. Neste tempo, a Abau constará de dous exames comúns, de Historia de España e Historia da Filosofía; unha proba única de "madurez académica" na que se integrarán as destrezas das materias xerais —nomeadamente as linguas castelá, galega e inglesa, con preguntas "fechadas ou semiconstruídas" formuladas nos tres idiomas, alén doutras tres cuestións a desenvolver polo alumnado—, e un exame da materia obrigatoria da modalidade do Bacharelato. Cada un destes catro exames representará un cuarto da cualificación final.

A idea é que, a partir do curso 2026-27, se manteña esa proba da materia propia de cada modalidade, que computará 25%, e o resto de materias queden agrupadas nun mesmo exame para avaliar todas as destrezas adquiridas no Bacharelato.

Desaparecerá, por tanto, o exame de Lingua Galega e Literatura. O idioma do país seguirá presente, iso si, en parte desas preguntas da "proba de madurez" que compartirá co castelán e o inglés. "Formular preguntas a desenvolver en inglés vai en contra do propio sistema educativo, xa que hoxe nin para acceder á docencia nin na propia selectividade ou o Bacharelato se require desenvolverse cun alto nivel nunha lingua estranxeira alén da propia materia", precisa Bermello, que afea que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, non tentase "defender o galego", e falase de "uniformizar a corrección dos exames", algo que, apunta o secretario nacional do sindicato maioritario do sector, "xa quixeran milleiros de opositores da Galiza, onde a Administración é incapaz de dar un mínimo de rigor e coordinación nos diferentes tribunais".

A obriga de desenvolver preguntas en lingua estranxeira tampouco convence Lacaci, que ve "ridículo" este exame en tres linguas diferentes: "É o papanatismo dos novos tempos". Neste senso, máis dun cento de docentes de Lingua Inglesa veñen de remitir unha carta ao conselleiro de Educación solicitando simplificar o exame desta materia na Abau, que recibiu este ano múltiples críticas polo seu "progresivo endurecemento" até tornar nunha das probas máis exixentes do Estado español.

Así, Lacaci cre que o Ministerio, "se quere arranxar os problemas da Abau, ten que facer un control do nivel de dificultade, porque non é o mesmo, en absoluto, aquí que noutros territorios do Estado". O presidente de Anpas Galegas, con todo, cre que este borrador si ten un aspecto positivo: a fin da 'memorización'. "Co sistema actual só se premia o 'chapón' da aula, e unha proba de acceso debe contemplar aspectos como a comprensión e asimilación de conceptos e a aplicación desas destrezas", subliña.

Ao entender de Bermello, a reforma supón un "bandazo": "Pasamos dun extremo, a memorización total, ao outro, e a memoria tamén ten que xogar un papel importante. Os bandazos nunca son bos".

É un bo modelo a selectividade?

Fernando Lacaci cre que o novo modelo da Abau non resolverá os problemas que arrastra de lonxe: "A pregunta de fondo é para que queremos unha proba de selectividade? Para situar o alumnado nun ránking? Ao final estamos vendendo aquelas profesións que por razóns externas ven restrinxida a súa oferta".

Porén, recoñece que se trata dun tema "moi complexo" e sen unha "solución clara", pois fialo todo ao Bacharelato tamén provocaría desigualdades: "A exixencia á hora de avaliar non é a mesma no ensino público e o privado, e ten lóxica, pois quen paga pola educación busca resultados", indica.