Recollen sinaturas entre persoal sanitario para apoiar un manifesto contra o acordo da CESM e o Sergas

Os cadros de persoal están reducidos á metade en boa parte dos centros de saúde da Galiza. (Foto: Europa Press)
Tamén a coalición anunciada hai dúas semanas pola CESM e a Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF) para concorrer ás eleccións sindicais do 11 de maio encóntrase no ar, polo menos en cuestións puramente formais, tras recibir varias impugnacións por parte doutras organizacións que se presentan ao proceso.

Un grupo de médicos e residentes promove unha recollida de sinaturas entre os facultativos de toda a Galiza para que apoien un manifesto que non só mostra o seu rexeitamento ante o acordo "unilateral" alcanzado entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o sindicato CESM para pór fin á folga, senón que tamén reclama mellores condicións laborais máis alá das económicas.

Este texto xestouse a través dun grupo de facultativos e MIR en Lugo por mor da desconvocatoria da folga na cuarta feira, tras varias horas de negociación.

O eco que tivo o manifesto nos días seguintes fixo que quixesen xeneralizar estas reivindicacións para todo o país e, desde a sexta feira, promoven unha recollida de sinaturas desde os diferentes centros sanitarios coa intención de presentalo por rexistro ante a Consellaría de Sanidade nos próximos días. Ademais, este colectivo non descarta constituírse formalmente.

O texto contén un preámbulo en que denuncia que nos últimos días viviron "a culminación do fastío ante anos de malos tratos" por parte da Administración co acordo que puxo fin á folga que promovía CESM (Confederación Estatal de Sindicatos Médicos) en solitario na Galiza.

Neste sentido, o manifesto afea este pacto "unilateral" co Sergas, que "non representa nin sequera de forma parcial as demandas" dos facultativos, senón que contén aspectos "puramente económicos" que "non redundan na protección da saúde e mellora das condicións laborais dos traballadores e, polo tanto, non favorecen a mellora na calidade asistencial".

As medidas acordadas con CESM, que "non representan as verdadeiras inquietudes" deste colectivo profesional, inclúe principalmente o aumento do prezo das horas de garda e do complemento de turnicidade -a implantar desde xullo de 2023-, así como a posibilidade de que os médicos que compatibilizan o seu labor na pública e na privada poidan cobrar o complemento específico.

Iso si, o acordo tamén recolle asuntos como que os días 24 e 31 de decembro pasen a ser días de especial consideración de modo xeneralizado.

Ademais, o manifesto que promove a recollida de sinaturas exixe que se cumpra a normativa europea en materia de contratación e que "se actualicen os persoais" dos hospitais e a Atención Primaria coa contratación de "profesionais adicionais" para "adecuarse á crecente demanda". Así mesmo, reclaman que "se marquen límites" nas listas de espera.

Eleccións sindicais

A coalición anunciada hai dúas semanas pola CESM e a Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF) para concorrer ás eleccións sindicais do 11 de maio encóntrase no ar, polo menos en cuestións puramente formais, tras recibir varias impugnacións por parte doutras organizacións que se presentan ao proceso.

De feito, na proclamación definitiva de candidaturas tan só aparece a de CSIF a pesar de que nun primeiro momento rexistrouse como CSIF-CESM. En calquera caso, fontes das organizacións insisten en que a lista final incluirá membros de ambas.

Hai unha semana, en plena folga de médicos convocada en solitario por CESM, representantes destes dous sindicatos anunciaban nunha rolda de prensa un acordo para concorrer conxuntamente ás eleccións sindicais.

Cabe lembrar que CESM, que hai catro anos obtivo en torno a 5% dos votos, quedou fóra da Mesa Sectorial. Agora, con esta alianza, CSIF comprométese a facilitar a súa presenza no que é o principal órgano de negociación coa Administración.