A realidade do despoboamento: a Galiza rural perde 17% dos seus habitantes mentres Madrid gaña 45%

Casas no rural (Foto: Eva Vidal)
A evolución da poboación entre 1996 e 2020 deixa marcadas diferenzas entre os distintos territorios do Estado. O rural crece en Madrid, Murcia e Catalunya mentres agrava o seu baleirado na Galiza, Asturias, Castela e León e Estremadura.

O despoboamento no Estado español "non é un fenómeno uniforme". Segundo pon de relevo un informe do Centro de Políticas Económicas de Esade, entre 1996 e 2020, os municipios rurais dalgúns territorios creceron en número de habitantes ao mesmo tempo que outros non aceleraron a perda de poboación.

Mentres localidades rurais de Madrid (45%), Murcia (34%) ou Catalunya (31%) melloraron o seu poboamento nos últimos 25 anos, outras situadas en Asturias (-26,9%), Castela e León (-19,7%), Galiza (-16,9) ou Estremadura (-9,6) viron diminuír a súa veciñanza.

O estudo analiza a evolución demográfica desde mediados dos anos 90 até o 2020 e confirma unha forte desigualdade entre comunidades autónomas no que se refire ao despoboamento das zonas rurais.

Polo que respecta aos municipios pequenos, o crecemento concentrouse no litoral mediterráneo e nas illas, ao redor das capitais e das grandes cidades mais nos eixos principais de comunicación.

Por outra parte, o informe pon de manifesto que o efecto da pandemia nos fluxos migratorios traduciuse nunha mellora do saldo dos municipios con menos de 10.000 habitantes no conxunto do Estado, aínda que este avance explícase, tamén, polo freo de éxodo dos municipios pequenos e rurais de máis de 60.000 persoas.

Fenda demográfica

A principal conclusión deste informe é que o fenómeno do despoboamento causa profundas fendas entre os distinto territorios do Estado, especialmente en materia demográfica, de acordo co sexo e a idade da poboación; económica, en relación ao emprego, a xeración de riqueza e produtividade; e actitudinal, en termos de grao de confianza nas institucións e satisfacción ante os servizos públicos.

Neste contexto, o informe do Centro de Políticas Económicas de Esade pon de manifesto diferenzas entre as zonas rurais e as urbanas. Segundo a súa análise, nas primeiras a porcentaxe de poboación maior de 65 anos rolda 40%, mentres que nas contornas urbanas este volume cae a 28%.

En canto ao xénero, nas cidades a proporción sitúase en 95 homes por cada 100 mulleres, mentres que nas zonas rurais o número de homes crece ata o 102.

Fenda económica

Desde o punto de vista económico, mentres que as zonas urbanas concentran máis de 65% do emprego e son capaces de xerar máis do 66% do PIB estatal, as rurais congregan menos de 2% do emprego xerando cifras similares en PIB.

O estudo tamén detecta diverxencias en cuestión de actitudes fronte ás institucións democráticas, con maior descontento nas zonas rurais, e no grao de satisfacción cos servizos públicos. Neste sentido, as zonas rurais móstranse menos satisfeitas cos servizos sanitarios e de transporte, pero máis satisfeitas coa educación que as zonas urbanas.