Rafael Nadal entra no negocio eólico na Galiza

O tenista Rafael Nadal durante o torneo de Wimbledon de 2022 (Foto: Aaron Chown / PA Wire / dpa).
O famoso tenista mallorquín posúe 99,35% de Debamina, S.L., unha empresa promotora ligada a varios parques eólicos na Galiza.

A enerxía eólica na Galiza é toda unha oportunidade de negocio para moitas empresas do sector. Na actualidade hai múltiples parques eólicos en proceso de autorización.

Cinco deles, os de Neboada, Xeada, Treboada, Ventumelo e Orballeira (na Terra de Trives e Valdeorras) son parques que partillan lazos  técnicos, económicos e de propiedade empresarial e que teñen detrás unha persoa ben coñecida no mundo do deporte, o tenista Rafael Nadal.

De acordo coa explicación do Observatorio Eólico de Galicia, "os parques foron presentados ao proceso de autorización e avaliación ambiental de forma separada. Son, porén, parques totalmente conectados. Non se poden entender de forma individual pois comparten infraestruturas básicas".

Wind Hero, S.L.

En canto á propiedade dos parques, o Observatorio Eólico de Galicia explica que "Wind Hero, S.L. [promotora eólica] conta cun único accionista coñecido, que é a sociedade mercantil Aspemir, S.L., que participa en 35% no capital de Wind Hero, S.L. Esta mesma sociedade, Aspemir, S.L., participa na mesma porcentaxe no capital de Wind Grower, S.L., promotora do PE Treboada".

"Á súa vez, Aspemir, S.L., que participa no capital social de ata un total de 26 sociedades, é participada, nun 7,21%, pola mercantil Debamina, S.L., sendo esta última sociedade propiedade do coñecido tenista Rafael Nadal Parera, en 99,35%", indican desde o observatorio.

Produción dos parques

En canto á produción que terán estes parques, desde o Observatorio Eólico de Galicia manifestan que "non se pode saber con exactitude" mais que se pode "estimar".

De acordo con eles, a facturación situaríase "entre 64 e 139 millóns de euros anuais derivados dos 5 parques eólicos".