A Xunta autoriza definitivamente a construción do proxecto eólico O Picato: así será o primeiro parque do concello de Lugo

A ruta 'primitiva' do Camiño de Santiago discorre a escasa distancia do emprazamento dos aeroxeradores, polo que correrá un severo "perigo de destrución ou deterioración", advirte a propia DIA do proxecto.
Parque eólico operado por Naturgy en Estremadura. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Parque eólico operado por Naturgy en Estremadura. (Foto: Nós Diario)

O pasado 20 de outubro o Consello da Xunta acordou, na súa reunión semanal, aprobar de forma definitiva o proxecto do parque eólico O Picato, promovido por Naturgy nos concellos de Guntín e Lugo. A resolución recóllea esta quinta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG) e tamén sinala a consideración destas instalacións como "proxecto de interese autonómico", o que na práctica simplifica a tramitación. A 'luz verde' do Goberno pon fin á vía administrativa, se ben aínda cabe interpor un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes.

A compañía enerxética prepara un investimento de 33,9 millóns de euros para construír o parque O Picato, que constará de trece aeroxeradores e unha potencia total instalada de 42 megawatts (MW). A metade deses muíños situaranse no termo municipal do concello de Lugo, e serán os primeiros en facelo.

Naturgy tramita un segundo parque eólico que situaría outros seis muíños en Lugo

Até o momento, de feito, non se erguera turbina eólica ningunha nesta cidade, se ben agora ao Picato podería sumarse tamén máis un proxecto que iniciou a comezos deste ano a súa tramitación perante a Xunta da Galiza, tamén impulsado por Naturgy. É o parque denominado Monte Contado, que construiría seis dos nove aeroxeradores previstos en Lugo —os tres restantes, en Castroverde—, cunha potencia total de 31,05 MW e un orzamento que roldaría os 25 millóns de euros.

Impacto "elevado" sobre o Camiño Primitivo

Mais este proxecto áchase aínda na fase inicial da tramitación após ser sometido a información pública no DOG en febreiro. O que xa é unha realidade, O Picato, suporá por mor da instalación dos muíños e a construción do resto de infraestruturas, así como a apertura de novos camiños, un "perigo de destrución ou deterioración" do treito que atravesa do Camiño Primitivo de Santiago "e dos valores inherentes, como a preservación do medio e dos usos tradicionais do Camiño".

Así figura na declaración de impacto ambiental (DIA) que emitiu Medio Ambiente a finais de 2018 con resultado favorábel. Porén, a dirección xeral de Patrimonio Cultural conclúe no mesmo documento que Naturgy "inclúe unha serie de medidas correctoras que se consideran axeitadas para mitigar a súa afección".

Tamén será "elevado" o impacto visual desta infraestrutura sobre a ruta xacobea que discorre a apenas 1,2 quilómetros ao norte dos aeroxeradores máis próximos, mais este, segundo dispón a DIA, "quedará mitigado" coa medida proposta por Naturgy: "Plantacións próximas ao Camiño e as aldeas".

Por outra parte, identificáronse un total de 66 elementos patrimoniais culturais no terreo que abrangue a poligonal deste parque eólico. O principal impacto sufrirano, por situárense nun radio de unicamente 200 metros ás instalacións, o conxunto tumular da Pena dos Fornos, o túmulo neolítico de Coto da Cruz, a necrópole tumular da Pena da Crespa, o grupo tumular das Medorras, as mámoas 1 e 2 do Monte do Picato e a Mámoa da Poza.

Forte aposta de Naturgy

Naturgy confía en que a construción do parque O Picato comece en breves e entre en funcionamento ao longo do próximo ano. Esta será a primeira infraestrutura de produción de enerxía eólica que a compañía poña en marcha na Galiza desde 2019.

A súa carteira de eólica terrestre inclúe máis de 40 proxectos no país, que actualmente están en diferentes fases de tramitación. Nos dous próximos anos, alén do Picato, Naturgy quere comezar a operar os parques Porto Vidros, Meirama, Campo das Rosas e Encrobas.

Os dous primeiros obtiveron nas últimas semanas a DIA positiva, ficando agora pendente a concesión das autorizacións previa e de construción como paso precedente da 'luz verde' definitiva que agora obtivo O Picato, mentres Campo das Rosas e Encrobas atópanse en diferentes fases de tramitación.

Comentarios