O quinto Foro A Toxa volve ao Salnés, deturpando o topónimo, con Mariano Raxoi e Sebastián Piñera

O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, durante a súa conferencia no Foro A Toxa (O Grove) o 30 de setembro de 2022 (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
O ex presidente Felipe González ausentarase do evento

A quinta edición do foro neoliberal A Toxa regresa á comarca do Salnés, mais unha vez deturpando o topónimo da illa na que decorrerá do 28 ao 30 de setembro.

O encontro contará coa participación do ex presidente español Mariano Raxoi e o chileno Sebastián Piñera no seu denominado diálogo de presidentes, que nesta ocasión estará moderado pola ex ministra Trinidad Jiménez

Quen non estará, a diferenza de anos anteriores, será o ex presidente Felipe González, que "considerou que as circunstancias son excepcionais e preferiron non coincidir co momento da votación", polo debate de investidura, segundo sinalou a directora do foro, Carmen Martínez Castro

Na presentación do programas, os responsábeis do evento reivindicaron a "dimensión internacional" que pretende esta cita coa participación do economista turco Dani Rodrik, premio princesa de Asturias en 2020; o ex senador demócrata dos Estados Unidos de América Chris Dodd; o académico e ex político canadense Miguel Ignatieff; e o vicepresidente da Comisión Europea, Margaritis Schinás. Estes dous últimos encargaranse do acto de clausura. Tamén participarán nesta quinta edición a ex ministra española Ana Pastor e o presidente galego, Alfonso Rueda. 

Mulleres afganas

Con vistas a analizar as "grandes tendencias do mundo" fronte á "conxuntura política española", a organización do foro agarda contar ademais coa presencia do rei español Felipe VI.

A quinta edición renderá homenaxe ao falecido Josep Piqué, cuxo nome se engadirá ao do Premio Foro A Toxa, que este ano se outorgará ás mulleres de Afganistán e recollerá a presidenta da asociación de mulleres afganas no Estado español, Sunita Nasir.