Quen é a nova xerente do Sergas?

A nova xerente do Sergas, Estrella López-Pardo. (Foto: Europa Press)
O actual xerente, José Flores, porase á fronte da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, será a nova xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en substitución de José Flores, que se porá á fronte da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Flores ocupaba a xerencia do Sergas desde setembro de 2020, cando relevou no cargo Antonio Fernández Campa. Agora, marcha á área de Pontevedra, onde substituirá José Ramón Gómez no marco dunha crise na que os sindicatos ameazaran cunha folga ante o "alarmante deterioro" da atención.

Estrella López-Pardo, nada en 1959 en Lugo, é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade Complutense de Madrid (1983), especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública.

Desempeñou os cargos de subdirectora xeral de Planificación Sanitaria do Sergas, subdirectora xeral de Avaliación Asistencial, directora operativa do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, subdirectora de Calidade e Atención ao Paciente na área de Santiago e directora de Procesos de Soporte da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Área sanitaria de Pontevedra

En roda posterior ao Consello da Xunta, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, explicou que a marcha de José Ramón Gómez produciuse "a petición propia", e agradeceu "máis de cinco anos de intensísimo servizo".

Sobre José Flores, que nomeará un "novo equipo directivo" na área sanitaria de Pontevedra, Rueda salientou o seu traballo no Sergas, despois duns anos "nada sinxelos".

O presidente galego explicou que apostou por Flores para Pontevedra porque "fixo moi bo labor" como xerente do Sergas, de modo que se tivo "especial coidado en acertar coa mellor persoa nunha área que necesita esa boa xestión", así como para facer fronte aos problemas en atención primaria, especialmente en "un momento tan complicado" como "sempre" foron as "épocas estivais".

Neste sentido, Rueda defendeu as medidas postas en marcha pola Xunta para a Atención Primaria ao tempo que volveu a referirse á reclamación "non atendida" polo Goberno español da "imperiosa" necesidade de máis prazas MIR.