Que teñen en común Alberto Núñez Feixoo, Ferrán Adrià e Clint Eastwood?

Alberto Núñez Feixoo recibe unha condecoración no Pazo de Raxoi o 14 de febreiro de 2022. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
Os tres persoeiros -Feixoo, Adrià e Eastwood- comparten unha importante condecoración que provén do continente asiático.


O embaixador do Xapón no Estado español, Kenji Hiramatsu, fixo entrega, en nome do emperador Naruhito, ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, da condecoración Orde do Sol Nacente, Raios Dourados con Cinta Colgante, pola súa "gran contribución" á promoción da cultura nipoa no Estado español, así como pola irmandade entre a Galiza e o país asiático.

Nun acto en Compostela no que se lle fixo entrega dun diploma e dunha medalla, Feixoo afirmou que é "toda unha honra" recibir esta distinción que se outorgou a personalidades como o cineasta Clint Eastwood e o chef Ferrán Adrià.

O embaixador nipón, que destacou a Galiza como unha "marabillosa terra", lembrou que o emperador Naruhito visitou Compostela en 2013, entón como príncipe herdeiro, onde foi recibido por Feixoo e ambos fixeron un tramo do Camiño.

Precisamente, Núñez Feixoo aproveitou a súa toma da palabra para convidar a Naruhito a volver realizar o Camiño de Santiago en ano Xacobeo, o que sería "unha inmensa honra".

Kenji Hiramatsu destacou a irmandade entre a Galiza e a prefectura de Wakayama, “cunha profundidade a nivel cultural e espiritual", á vez que subliñou que "avanzou enormemente" a colaboración entre empresas.

Así, o embaixador explica que o seu país valora que, "a nivel persoal", Feixoo "tivo moito respecto, interese e comprensión pola cultura xaponesa".

Irmandade entre a Galiza e o Xapón

Despois de serlle imposta "unha das máis altas distincións" do Xapón, Feixoo referiuse á lenda xaponesa dun fío vermello invisíbel que une as almas xemelgas para destacar a irmandade de "dúas terras tan dispares" como a Galiza e o país nipón.

Lembrou que foi en 1998 cando o ex presidente da Galiza Manuel Fraga deu os primeiros pasos para estabelecer nexos entre a comunidade galega e Wakayama. Ademais da irmandade do Camiño de Santiago cos roteiros Kumano e Shikoku-Henro, agora iniciaron as conversacións para ampliar esta unión ao Camiño Kannon, o roteiro relixioso máis antigo do Xapón.

Feixoo deu conta de similitudes entre o Xapón e a Galiza, como ter ás "poboacións máis lonxevas de todo o mundo", unha dieta con gran presenza de peixes, así como contar con roteiros de peregrinación declarados Patrimonio da Humanidade.

O presidente galego avoga por "impulsar o turismo en ambas as direccións". Subliña que os peregrinos xaponeses se triplicaron desde 2009 -foron 1.450 en 2019-, aínda que esa chegada a Compostela "paralizouse" por culpa da pandemia. Con todo, espera que se retome o "impulso" unha vez superada a crise do coronavirus.

Nesta liña, avoga por ese intercambio en diferentes proxectos educativos, oceanográficos, gastronómicos e industriais. Remarca a xanela de oportunidades existente en produtos agrícolas e pesqueiros, así como para a automoción e o naval.

Aquí, chamou a atención a achega do interese de Showa Denko para crear na Coruña unha planta de grafito para baterías de automóbiles eléctricos, á vez que puxo en valor o acordo entre Toyota e Stellantis para fabricar en Vigo a furgoneta Proace City.

A Xunta ten previsto abrir este ano unha oficina do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en Tokio. Finalmente, o presidente da Xunta tivo un recordo para Megumi Shiozawa, falecida en 2020, que foi presidenta da Casa da Galiza de Xapón.