Con que herbas preparamos o cacho de San Xoán?

[Foto: Portal das Palabras]
O día 23 de xuño é costume saír recoller as plantas para facer a auga de San Xoán. Métense nunha talla con auga e déixanse ao orballo durante toda a noite para, á mañá seguinte, lavar a cara con elas. Normalmente utilízanse sete especies diferentes, porén dependendo do territorio no que nos atopemos, esta cantidade e o tipo de herbas poden variar. 

A de San Xoán é unha festividade pagá celebrada polos celtas con motivo do solsticio de verán. Cada ano, na madrugada do día 21, os nosos antepasados prendían fogueiras para recibir a entrada da estación máis calorosa e festexar que o sol alcanzaba o seu punto de maior poder.

Durante esa noite, tamén denominada Litha, non só o astro acadaba o seu apoxeo, senón que o mal tamén adquiría unha maior capacidade de aflixir danos ás persoas, ao gando e á colleita. Ao abeiro destas temerosas crenzas fóronse tecendo rituais cuxo obxectivo era o de afastar as doenzas que a malignidade puidese causar.

Unha das cerimonias que se constituíron foi a de facer o cacho. Esta imperecedoira tradición consiste en encher un recipiente de boca ancha (de aí o seu nome) con auga e engadir as follas e as flores de sete herbas e plantas. Unha vez feito, a mestura débese deixar macerar ao orballo durante toda a noite para, á mañá seguinte, lavar a cara con esta auga.

Dentro da cultura popular estabelécese que a noite de San Xoán e o resío multiplican as propiedades atribuídas ás plantas

Dentro da cultura popular estabelécese que a noite de San Xoán e o resío multiplican as propiedades atribuídas ás plantas. Nun primeiro momento, estaban asociadas a quitar o demo do corpo, afastar as bruxas e curar a envexa. Porén, na actualidade están ligada a propiedades medicinais como a protección ante as enfermidades cutáneas.

Como se fai o cacho?

Para facer a auga de San Xoán non existe unha única receita de plantas e herbas, senón que varían en función da súa dispoñibilidade territorial. A pesar disto, si se pode falar dunha fórmula común para a maioría dos concellos galegos conformada pola abeloura, o fento, a malva, o romeu, o codeso, o fiúncho e o estalote.

A maiores tamén existen infinidade de variantes que inclúen o uso da macela, o mexacán, a hortensia, a ruda, o ourego, o loureiro e as follas do amieiro, do carballo, do castiñeiro, da nogueira, da figueira e do laranxeiro.

Estas son as máis habituais:

A herba de San Xoán, tamén denominada herba das feridas ou abeluria, é unha planta conformada por flores de cinco pétalos amarelos con pintas negras e moitos estames. A tradición oral dicía que era moi efectiva contra o demo e en medicina utilízase como cicatrizante e antiséptico.

O fento macho é unha planta de aproximadamente un metro e medio de altura pertencente á familia dos fieitos. Entre as súas características cómpre falar da súa toxicidade e da súa calidade antiparasitaria.

A malva é un conxunto de máis de vinte especies pertencentes á familia do hibisco, cuxas flores constan de cinco pétalos brancos ou violetas. As súas propiedades son calmantes e antiinflamatorias polo que posúe gran efecto en casos de bronquite, tose ou arrefriado En tempos pasados críase que a súa presenza atraía a abundancia de medicinas para o fogar.

O romeu é un arbusto de dous metros de altura cuxa utilización está moi estendida dentro da gastronomía como condimento. Mentres que a crenza popular consideraba que o seu uso protexe e purifica os fogares, no ámbito médico atribúeselle trazos beneficiosos para o sistema circulatorio, dixestivo e respiratorio.

O codeso, da mesma familia que as xestas, é unha árbore de follas pequenas e flores papilonácea cuxas calidades son tóxicas para o gando . Na antigüidade utilizábase para facer as vasoiras coas que barrer a casa dos malos espíritos.

O fiúncho é unha planta aromática, de follas miúdas e flores amarelas pertencente á familia das apiáceas. Considerada no pasado como un remedio efectivo contra o mal de ollo, na actualidade asócianselle propiedades diuréticas.

O estalote ou dedaleira é unha herba tóxica cuxo aspecto está determinado polas súas flores violetas con forma de campás. Na medicina antiga utilizábase para facer fronte as enfermidades cardíacas.

Purificármonos no solsticio de verán

Cóntanse por ducias os refráns e as cantigas que beben do San Xoán, unha das festas máis populares das que se celebran na Galiza. Catarse colectiva, é esta unha cita ancestral que amalgama elementos animistas, panteístas, celtas, gregos e romarnos. As cacharelas; as Herbas de San Xoán; as sardiñas molladas no pan de millo; o roubo de cancelas… fan parte da linguaxe simbólica dunha data de socialización, non só entre persoas, senón tamén coa entorna, coas especies vexetais e animais e, sobre todo, co pasado. Unha data na que a dualidade ben/mal cobra o máximo significado.

A cristianización bautizou o solsticio de verán como San Xoán (polo nacemento de Xoán o Bautista), unha festividade eminentemente popular. 

A cristianización bautizou o solsticio de verán como San Xoán (polo nacemento de Xoán o Bautista), unha festividade eminentemente popular. Que sexa a xornada de máis sol e, por ende, de máis luz implica que sexa considerado o día máis sagrado do ano. Deste feito derivan boa parte das características do San Xoán, segundo explica, en declaracións no seu día Sermos Galiza, o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro, “considerábase o día máis santo do ano por ser o de máis luz”.

A respecto do San Xoán, o profesor da USC sinalaba que serve de modelo para dar conta das festas católicas, “todas posúen o mesmo esquema: teñen a véspera, onde se ritualiza o mal, que se enfronta ao ben e o ben maniféstase o día santo”. “O día anterior teste que purificar para entrares no día sagrado e os medios de purificación por excelencia son o lume e a auga”, engade.