Por que festexamos tanto a noite do 24?

San Xoán, a noite máis curta e máis meiga

Imaxe de D.R.

É unha das festas con máis predicamento en toda Galiza, e non só no noso país. As fogueiras e a sardiña pingando o pan son as imaxes máis características dunha noite que funde a súa conmemoración en ritos pagáns e que no calendario popular deu nome a todo un mes, xuño.

Leva o nome dun santo máis esta festa pouco ten de relixiosa. O San Xoán, unha das datas máis celebradas, vividas, cantadas, gozadas e partilladas en toda Galiza, volve encher na noite do 24 o país de fogueiras. Unhas fogueiras que teñen en Galiza múltiples denominacións, de cacharelas a lumieiras, pasando por cachadas ou lumaradas, entre outras. Tal é o poder do San Xoán que no calendario galego popular dá o nome a todo o mes de xuño, o mes do San Xoán.

 

Unha festa que se vive en colectivo e en común: facer a fogueira, preparar as sardiña (e, cada vez máis, o churrasco), beber, cantar, cumprir co ritual de chimpar sobre o lume... Así se vive hoxe unha data que leva celebrándose miles de anos.

 

Pagá vs cristiá

 

Litha era unha tradición pagá celebrada principalmente no norte de Europa, mais non só. Era unha festa solar que festexaba o solsticio de verán. O rito a seguir era encender unha fogueira na madrugada do día 21, momento no que daba comezo o verán. Durante a noite máis curta do ano os celtas rendían culto ao sol, que dende ese día iría baixando dende o seu apoxeo durante os seis meses seguintes. Os antigos celtas acendían fogueiras circulares en lugares sagrados, sempre perto de fontes, e lanzaban rodas acesas por unha ladeira, a xeito de metáfora da perda de forza do sol a partir do solsticio.

 

Porén, segundo a tradición cristiá o 24 de xuño marca o nacemento de San Xoán, seis meses exactos antes que o de Xesús. Mais esta noite de San Xoán, aínda que non sexa o festexo do solsticio, si que se viu moi influída e adoptou os ritos precristiáns, como acender as cacharelas para dar forza ao sol ou saltar a fogueira para liberarse de enfermidades e meigallos. Durante anos mesmo se facía saír ao gando a pasear entre as fogueiras para afumalos e, así, liberalos de futuras doenzas.

 

Auga e herbas de San Xoán

 

San Xoán chega en pleno apoxeo de variedade da flora galega. O final da primavera e o paso ao verán enchen monte e campo de prantas e flores. O olor a San Xoán é o olor das herbas, esas mesmas que se deixan na madrugada do 23 ao 24 nun caldeiro con auga á intemperie, para despois cumprir coa tradición e lavar a cara con elas de boa mañá.

 

As herbas de San Xoán varían en función da zona, mais é ben certo que a maioría son comúns a todos os recunchos de Galiza. As principais son a abeloura, o fieito, a malva, o romeu, o estalote, o codeso, a herba luísa e o fiúncho.

 

Sardiñas e cachelos.. e churrasco

 

A tradición da sardiña e os cachelos (“Polo San Xoán a sardiña pinga o pan”) ten desde hai uns anos un acompañante/contrincante, o churrasco, cada vez máis presente ao pé das cacharelas. O prezo da sardiña sobe a medida que se achega a noite do 24. Este ano o prezo nas prazas e mercados é un pouco máis baixo que nos exercicios anteriores e, ademais, a calidade é óptima. Non hai escusa, logo.

 

“Salto por riba do lume de San Xoán / para que non me trabe nin cobra nin can"

 "Madrugada de San Xoán, madrugada máis garrida, que baila o sol cando nace e ri cando morre o día".